Pontevedra retira honras ao rei emérito e cambia o nome da Avenida Juan Carlos I

Pontevedra
13 de novembro 2020

O goberno municipal de Pontevedra considera que o rei emérito "non é merecedor" de ter unha rúa na cidade. O "goteo continuo" de informacións "vergoñentas" e das investigacións que cuestionan a honestidade do monarca levou a BNG e PSOE a retirar todas as honras a Juan Carlos I, entre eles a avenida que foi bautizada co seu nome

Juan Carlos I en Sanxenxo
Juan Carlos I en Sanxenxo / Mónica Patxot

O goberno municipal de Pontevedra considera que o rei emérito "non é merecedor" de ter unha rúa na cidade. O "goteo continuo" de informacións "vergoñentas" e das investigacións que cuestionan a honestidade do monarca levou a BNG e PSOE a retirar todas as honras a Juan Carlos I, entre eles a avenida que foi bautizada co seu nome. 

Así o avanzou este venres a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que sinalou que ningunha institución "decente" debe permanecer "impasible" ante a vida "pouco edificante" e "absolutamente inaceptable" do rei emérito, segundo engadiu, coñecida a pesar dos intentos por "silenciar, ocultar ou branquear" a súa figura.

A edil do BNG confirmou que esta proposta de retirada das honras incluirá tamén quitarlle as chaves de ouro da cidade e a supresión da firma do monarca do libro de honra do Concello, plasmada nas dúas visitas oficiais que Juan Carlos I realizou a Pontevedra.

Na súa exposición de motivos, Pontevedra censura a "lei do silencio" implantada ao redor da Casa Real española, coa "connivencia" doutros estamentos do Estado, para ofrecer unha imaxe "deturpada e falseada" dun monarca que, segundo o goberno municipal, está "cuestionado" pola "inmensa maioría" da sociedade.

"Non é un problema de natureza privada senón que é un feito dunha extraordinaria gravidade e dunha gran trascendencia pública e institucional", asegurou Fouces, que entende que este comportamento "luxa" a todas as institucións do Estado e "deixa en evidencia" á monarquía, ao réxime do 1978 e á trama de "intereses espúreos" ao redor da Casa Real.

Os "presuntos negocios ilícitos" do rei emérito con "contas millonarias en Suíza", a "perversa" utilización do público coa creación dunha "camarilla de servidores, aduladores e beneficiarios"; a "renuncia expresa e en diferido" de Felipe VI á herdanza do seu pai ou a "fuga estrambótica" de Juan Carlos I a un destino "paradisíaco" son outros dos argumentos que esgrime o goberno municipal de Pontevedra para adoptar esta decisión.

A este respecto, o portavoz socialista Tino Fernández coincidiu en destacar que este cambio de denominación "está falado por todo o grupo de  goberno". O motivo desta decisión "é obvio", engadiu, ao entender que a actuación pública e privada do monarca "non foi leal" co país, o que debe levar a "replantearse" que poida dar nome a unha rúa.

O lugar do rei emérito no rueiro de Pontevedra ocuparao Virxina Pereira Renda, compañeira de Castelao, que foi descrita polo executivo municipal como unha muller "galeguista" e que foi "garante" do legado político e artístico de Castelao. Grazas a ela, defende o Concello, gran parte da súa obra está depositada no Museo de Pontevedra.