A estación de bombeo de Monte Porreiro, unha das pezas crave do sistema de abastecemento de auga de Pontevedra, experimentará unha importante mellora coas obras previstas para aumentar a capacidade das súas instalacións.
A través dun investimento de 857.000 euros, que forman parte dos investimentos recollidos no contrato da auga asinado entre o Concello e Viaqua en 2018, esta actuación beneficiará a todo o sistema de auga en alta. É dicir, non só a Pontevedra, senón aos municipios da ría.
O edil responsable do ciclo da auga, Raimundo González, explicou que o convenio asinado no seu día con Acuaes permitiu cambiar dous dos seis motores desta estación, que pasaron a ter unha capacidade de extracción de 510 litros por segundo.
A obra que se realizará agora, cun prazo de execución de seis meses, prevé substituír os outros catro motores, que teñen unha antigüidade de 40 anos, e instalar uns novos que poderán extraer uns 202 litros por segundo.
Iso significa que esta estación de bombeo no río Lérez terá capacidade para case 2.000 litros de auga por segundo, o que supón que cada dez segundos poida extraer a auga necesaria para a auga que toda unha familia usa en dous meses.
A pesar diso, estes motores non estarán en funcionamento ao mesmo tempo, xa que a estación potabilizadora, que trata a auga antes de que chegue ás billas dos consumidores, só ten capacidade para atender uns 1.000 litros por segundo.
Raimundo González sinala que a estación de bombeo poderá contar con bombas de reserva e poñer en funcionamento os motores de maneira alternativa en función das necesidades, o que ademais permitirá aforrar enerxía e reducir a emisión de CO2.
As melloras nesta estación de Monte Porreiro completaranse coa substitución de todos os cadros eléctricos, que pasarán a contar con telecontrol desde a estación de Couso e que achegarán datos en tempo real para optimizar a xestión do abastecemento de auga.