A cociña pontevedresa volve estar de parabéns. Todos os restaurantes que tiñan Estrela Michelin renovaron o seu distintivo. Así se desvelou na gala celebrada onte á noite en Valencia, na que Galicia sumou un restaurante máis á súa constelación gastronómica.
Con Javier Olleros (Culler de Pau) á cabeza, o único cociñeiro galego con dúas Estrelas, outros catro referentes gastronómicos da provincia retiveron a súa: Pepe Solla (Casa Solla), Pepe Vieira (Camiño da Serpe), Iñaki Bretal (O Eirado) e Yayo Daporta (Yayo Daporta).
Os outros dous restaurantes que seguirán formando parte deste selecto club son os vigueses Maruja Limón, de Rafa Centeno e Inés Abril, e Silabario, de Alberto González Prelcic.
Ademais, tanto Olleros como Vieira conseguiron de novo a Estrela Verde, que certifica o firme compromiso dos seus restaurantes coa sustentabilidade.
Con ata oito Estrelas Michelin en total, Pontevedra logra a metade das que se concederon a Galicia, que este ano creceron a dezaseis coa incorporación, por primeira vez, de Auga e Sal, o restaurante de Santiago dirixido por Áxel Smyth Taracido.
Santiago suma así a súa terceira Estrela, xa que tanto Casa Marcelo como A Tafona repiten entre os restaurantes recoñecidos por estes prestixiosos galardóns
Árbore da Veira (A Coruña), Retiro da Costiña (Santa Comba), As Garzas (Malpica), Nova (Ourense) e Miguel González (Pereiro de Aguiar) completan a lista dos selectos restaurantes galegos.