A artista viguesa Sax, en colaboración con Urban Culture Factory, será a encargada de realizar a obra mural, inspirada no cartel deseñado por Maru Astray para a campaña do Concello polo 8M. A peza será realizada nunha parede de 10 x 2 metros situado na rúa Castelao.
Aínda que se tiña planificado realizar a pintura o vindeiro xoves 11 de marzo, a Concellería de Igualdade decidiu adiar ao martes 16 a creación do graffiti reivindicativo, ante as malas condicións meteorolóxicas previstas.
O traballo artístico dará comezo en torno ás 11:00 horas e estará completamente rematado esa mesma tarde.
Tal e como sinala a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, "a graffiteira Sax, que é unha das artistas máis veteranas neste campo dominado maioritariamente por homes, comezou na súa adolescencia a crear bosquexos que posteriormente foi plasmando en diversas paredes".
Ademais, declara que é un referente feminino no ámbito do graffiti, "cun estilo marcado ademais polo uso de cores, texturas e temáticas que fan alusión ao feminismo". A concelleira engade que tivo a oportunidade de ver o bosquexo, do que opina "é unha verdadeira marabilla".
Yoya Blanco quere agradecer tamén a implicación de Urban Culture Factory co Concello e con Pontevedra, "xa que dende a súa fundación en 2020 está a apostar de xeito decidido pola arte urbana e buscando a rexeneración e dignificación dos espazos públicos e simbólicos da identidade cultural".
A concelleira destacou, entre os obxectivos desta compañía, o de consolidar o desenvolvemento de artistas mediante ‘campañas muralísticas’. "Este graffiti do 8M será un berro reivindicativo de tódalas mulleres e unha homenaxe ás mulleres artistas e á arte feminina", avanza.