Ravachol volveu ao seu lugar habitual, a praza da Peregrina, para presidir o Entroido de Pontevedra. O Concello tíñao claro. Sen o noso malfalado loro "non é o mesmo". Por iso é polo que a súa desaparición temporal converteuse na imaxe do cartel desta festa, que se reivindica como o entroido urbano máis importante de Galicia.
O cartel do Entroido pontevedrés, un ano máis, está deseñado polo debuxante Kiko da Silva e buscaba, segundo a edil de Festas, darlle "máis relevo" á súa figura máis emblemática, un loro que nos últimos meses "nos tivo moi preocupados" polo acto vandálico que sufriu e que provocou a súa ausencia durante meses da paisaxe urbana da Boa Vila.
A imaxe que ilustra o cartel é o da botica orixinal de Perfecto Feijóo pero "adaptada aos tempos", segundo o seu autor, introducindo a imaxe da muller e o suceso recente da desaparición do loro, unha estatua á que os pontevedreses temos un "cariño especial".
O Entroido, ademais, a pesar de manter as súas citas máis emblemáticas chega cargado de novidades, tal e como detallou Carme da Silva.
A festa comezará o venres 1 de marzo, ás 21.00 horas, coa lectura do pregón. O nome das persoas encargadas de inaugurar o Entroido coñecerase nos próximos días. O sábado día 2, pola súa banda, será o gran desfile que comezará ás cinco da tarde e que, a pesar das obras de reforma de Benito Corbal, manterá o seu percorrido habitual.
Tras un día de descanso, o luns 4 de marzo presentarase a vestimenta de Ravachol e arrancará o concurso de murgos que, nesta edición, contará con máis participantes e terá maior dotación económica. Será no Pazo da Cultura, que segundo o Concello, é o espazo máis acaído" para celebrar este certame.
A Noite Pirata amenizará a noite do 5 de marzo con máis animación que nunca. Da Silva explicou que xunto cos barcos que batallarán por controlar a Boa Vila participarán máis comparsas que anos anteriores.
A tradicional Corrida da Rosca de Campañó será a aposta do Entroido de Pontevedra para o mércores día 6, xunto coa segunda eliminatoria do certame de murgas, que concluirá ao día seguinte, o xoves 7 ás nove da noite. A Mostra da Parodia, pola súa banda, terá lugar ao día seguinte, o venres 8 de marzo, nas prazas máis emblemáticas do centro histórico.
O Entroido despedirase, como é habitual, co enterro do Loro Ravachol. Será o sábado 9 de marzo durante a tarde-noite. Ademais, o Concello incorporará unha decoración especial polas rúas polas que atravese a comitiva fúnebre de Ravachol para darlle un maior realce ao evento co que se despedirá o entroido.
Iso si, o último día de festa non só haberá pesar pola morte do entrañable personaxe. Pola mañá, desde as 13.00 horas, as murgas animarán a sesión vermú nas prazas de Curros Enríquez, Méndez Núñez, Verdura e a Leña. Institucionalízase así unha actividade que as propias murgas comezaran a facer por decisión propia nos últimos anos.