Pontevedra sumarase este xoves 15 de outubro á conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais coa distribución a través de redes sociais dun manifesto reivindicativo co que se busca crear conciencia sobre as loitas destas mulleres, as súas necesidades e o seu papel fundamental e clave na sociedade nun momento no que, a pesar de todas dificultades, estiveron ao pé do canón na pandemia, mesmo cun traballo de coidados non remunerado que se viu incrementado.
Así o anunciou este mércores a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, que impulsa este manifesto xunto co Centro de Información á Muller (CIM) baixo o lema ‘Construír a resiliencia das mulleres rurais a raíz da Covid-19’.
Yoya Blanco sinalou que, dacordo cos datos do Padrón de Pontevedra, o 23% das mulleres do concello viven nas parroquias e protagonizan un "papel esencial" e "unha loita silenciosa" a prol da dignidade de todas mulleres e o desenvolvemento da sociedade.
A intención do Concello é visibilizar ás mulleres do rural que sostiveron e sosteñen en gran parte a vida dos pobos coas súas mans e lograr que se lles asegure unha protección total dos seus dereitos para un futuro rural vivo, de igualdade e calidade de vida en base a un equilibrio territorial.
A Concellería de Igualdade e o CIM de Pontevedra insisten, ademais, en que a violencia de xénero no ámbito rural caracterízase pola invisibilidade, a dificultade de acceso aos recursos, a ausencia de recursos especializados e a falta de concienciación social.
Nesta liña, sinalan que "vivir en círculos pequenos, onde todo o mundo se coñece e ‘o que dirán’ ten máis peso, a escaseza de oportunidades laborais e a sobrecarga dos traballos de coidados, que recaen maiormente nas mulleres, fai que as vítimas de violencia sufran múltiples dependencias do agresor e tarden máis en romper o seu silencio". Así, indican que non significa que no rural haxa máis violencia, senón que no rural as vítimas son máis vulnerables.
O documento demanda que para acadar a igualdade entre mulleres e homes no rural galego é preciso garantirlles a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral, facilitar a conciliación das esferas persoal, profesional e familiar, así como impulsar a súa capacidade de emprendemento, promocionando e dinamizando novas iniciativas sociais e empresariais que axuden ás mulleres a romper cos obstáculos que se lles presentan no día a día, a acceder a postos de responsabilidade e participar plenamente na toma de decisións a todos os niveis.