A reapertura do 'botellódromo' non será a única medida que tomará o goberno municipal de Pontevedra para tratar de solucionar os problemas de convivencia que se están a rexistrar no centro histórico tras o regreso do botellón a este espazo residencial e comercial.
Haberá un reforzo da presenza policial en todo este ámbito urbano para que o consumo de alcohol na rúa non se siga producindo e se limite ao espazo habilitado no Recinto Feiral. Así o avanzou a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde.
Vilaverde mantivo este venres unha "satisfactoria" xuntanza con portavoces de asociacións de veciños do centro histórico, da asociación de hostaleiros Hoempo e de Zona Monumental para tratar con eles os "desaxustes" na convivencia que están a producir os botellóns.
"Pensabamos que era necesario explicar a nosa perspectiva e cales son as alternativas", asegurou a concelleira, que defendeu a medida de dotar de actividade festiva e de lecer o Recinto Feiral, "garantindo unha posibilidade de ocio á xente que non está dentro dos locais".
De cara a esta fin de semana, Eva Vilaverde pediu "paciencia" aos veciños e comerciantes porque "necesitamos tempo" y este problema "non se vai a solucionar dun día para outro", pero entende que "aos poucos" irá resolvéndose esta situación "como pasaba hai anos".
O Concello valorará facer cambios de ser necesario, apostando por horarios "flexibles" para adaptarse ás necesidades de todos, tanto dos locais de ocio como da veciñanza.
"O que non pretendemos é baleirar o centro histórico", aclarou a responsable de Seguridade Cidadá, senón evitar os problemas que, sobre todo, se producían nas primeiras horas polo aforo dos locais e pola presenza de menores que non teñen idade para entrar neles.
Desde Zona Monumental, o seu presidente Miguel Lago espera que habilitar o Recinto Feiral para o botellón "teña o mesmo éxito que antes e sexa disuasorio", de forma que a xente "quede a beber alí e non sigan deteriorando a convivencia" no centro histórico.
"Haberá que deixar pasar o curto prazo e ver como funciona", engadiu Lago, que reclamou ademais máis policía nas rúas, vixilancia das zonas sensibles e "sancións" para os que incumpran a normativa ou teñan comportamentos vandálicos.
Carmen Blanco, veciña de Valentín García Escudeiro, asegura que "nos parece bien que se marchen" pero cre que o horario previsto, ata as 01:30 horas, é "insuficiente" porque os mozos regresarán á zona vella "y peor porque vendrán mamados a desgraciar todo".
ACCIÓN INFORMATIVA DE BENESTAR SOCIAL
De xeito complementario á reapertura do 'botellódromo', o servizo municipal de Benestar Social desenvolverá este sábado, entre as 22:00 e as 02:00 horas, unha acción informativa destinada a previr e reducir o consumo de substancias aditivas entre os mozos e adolescentes.
Esta intervención de carácter itinerante, que tamén se achegará ata outros lugares de marcha, supón unha actividade complementaria ao Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas.
As accións de rúa consisten en ofrecer puntos informativos aos mozos e mozas sobre prevención do consumo de substancias aditivas en espazos de lecer nocturno e de botellón, a través de obradoiros e diversas dinámicas educativas.
A maiores, ao longo da intervención encheranse enquisas anónimas para acadar datos estatísticos sobre o consumo de substancias entre a mocidade pontevedresa, distribuiranse flyers con información sobre drogas e repartirase camisetas, pulseiras ou chapas da campaña.