O concurso 'Imaxes con Fondo', pensado coma unha ferramenta para promover a reflexión e un cambio de actitude na cidadanía, chega a Pontevedra este martes da man do Fondo Galego de Cooperación e a través da master class de fotografía social 'Compromiso coa mirada' que impartirá o fotógrafo Gabriel Tizón.
'Imaxes con Fondo' promove a participación e a reflexión sobre as imaxes e as palabras, por medio de nove aulas maxistrais (ou master class) en fotografía social impartidas por Gabriel Tizón e sete obradoiros de tres sesións cada un que corren a cargo de Rober Amado.
Pontevedra, como concello socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, benefíciase da iniciativa a través dunha desas clases maxistrais. Será unha actividade gratuíta prevista a partir das 20.00 horas no Teatro Principal.
Baixo o título Compromiso coa mirada, a sesión parte da análise de traballos realizados en diferentes países e na nosa contorna, para avaliar logo como, cando e ata onde se pode chegar coa cámara na vida das persoas.
Alén de nocións básicas sobre composición, tratarase de educar a mirada para destacar o motivo da fotografía e o seu obxectivo, ademais de propoñer novos soportes expositivos. Terase en conta a visibilización de diferentes realidades e onde comeza o compromiso do autor con elas.
Gabriel Tizón ten experiencia en catro continentes e a súa obra foi recoñecida con diversos galardóns. Formou parte do xurado da primeira edición de Imaxes con Fondo e na actualidade traballa para El País e distintas axencias de noticias.