Ata os 182 casos por cada 100.000 habitantes caeu a incidencia acumulada a 14 días na cidade de Pontevedra, que rexistra este mércores una das maiores baixadas diarias na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Ten 196 casos activos. Son trece menos que onte.
A peor situación na área sanitaria segue estando en Catoira e Vilaboa, ambos os dous municipios cunha incidencia superior a 400.
Xa por baixo desa barreira sitúanse Marín, Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Cuntis, Meis, Cerdedo-Cotobade, Barro, Cambados, Meaño e A Lama.
Entre eles só soben os casos activos na Lama, que ten 10 contaxiados (tres máis); e Vilanova de Arousa, que suma un máis ata os 41. Non hai cambios en Cuntis nin en Barro, que este mércores teñen 17 e 13 casos positivos, respectivamente.
Marín encabeza os descensos con oito casos activos menos. Ten 106. Séguenlle Cerdedo-Cotobade (21 casos, cinco menos), Soutomaior (41, catro menos), Ponte Caldelas (22, catro menos), Meis (20, tres menos), Meaño (19, tres menos) e Cambados (45, dous menos).
Cunha incidencia entre 150 e 250, do mesmo xeito que Pontevedra, están Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Moraña, Campo Lameiro, Ribadumia, A Illa de Arousa e Bueu.
Neste bloque, Sanxenxo e Poio lideran o descenso de contaxiados con oito e seis menos respectivamente, o que sitúa o seu total en 51 e 56. Vilagarcía (91 casos activos) e Bueu (25 casos) baixan tres, mentres que Ribadumia e Moraña baixan un. Ambos ata os nove.
Un día máis Campo Lameiro mantense invariable con catro casos activos por covid-19 e tampouco cambian na Illa de Arousa, onde hai dez positivos.
Catro municipios, Caldas de Reis, Forcarei, O Grove e Portas (dous casos, un menos que onte), son os únicos nos que a covid-19 deixa unha incidencia inferior aos 150 casos por cada 100.000 habitantes.
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pode consultarse no mapa que acompaña a esta información.