O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, anunciou que Pontevedra recuperará a Bienal de Arte.
"Estamos avanzando con firmeza cara a recuperación da Bienal en Pontevedra, programada para o 2025", dixo o vicepresidente nunha comparecencia celebrada este mércores na que asegurou que "será un escaparate para a creatividade e o talento da nosa rexión e promoverá o intercambio cultural, o diálogo e a colaboración entre artistas locais, nacionais e internacionais".
Domínguez asegurou que a Bienal será "un evento que marcará un fito en Pontevedra, Galicia e en Europa" e sinalou que esta nova "representa un paso significativo no mundo da cultura e da arte".
O vicepresidente dixo que a Deputación de Pontevedra "segue a dar pasos cara adiante no impulso de Pontevedra como cidade da cultura e referente nacional e internacional".
"Levamos meses de esforzo e planificación" para "revitalizar este importante evento e levalo a novas alturas en 2025" manifestou Rafa Domínguez. De feito, segundo avanzou, "a nosa visión é que a Bienal sexa unha plataforma que impulse a innovación artística e promova a diversidade cultural nun mundo cada vez máis interconectado".
"Pontevedra será o epicentro internacional da arte no 2025 e aquí presentaranse obras vangardistas que desafiarán as fronteiras da creatividade", declarou.
Ademais, o vicepresidente tamén remarcou que se converterá nun revulsivo para o turismo, "xerando un efecto multiplicativo nos visitantes" e contribuíndo ao crecemento "do turismo cultural en Pontevedra e á proxección internacional da cidade como destino cultural imperdible".
A Bienal de Arte naceu no ano 1969 como formato competitivo, que abandonaría en 1990. Aquela primeira cita recoñeceu a Rafael Úbeda, Manuel Torres e Juan José Oliveira. E dende aquela, e ata a última Bienal, no 2010, soubo converterse nun referente a nivel internacional desde o punto de vista artístico e cultural, concentrando en Pontevedra aos máis grandes artistas de todo o mundo.
Os detalles da planificación e organización da Bienal de Arte do 2025 serán compartidos "na próximas semanas e meses", así como "outros pasos que daremos dende o Museo", asegurou o vicepresidente.
Rafa Domínguez confesou sentirse "emocionado" de traballar "en colaboración con artistas locais, institucións culturais e a comunidade para facer deste evento un verdadeiro reflexo da creatividade e da cultura de Pontevedra".
Neste eido, Rafa Domínguez aproveitou a ocasión para asegurar que a Bienal incorporará ao persoal "do Museo, á nova directora e aos conservadores" e para recoñecer a implicación e compromiso dos seus traballadores. De feito, nesta mesma xornada o vicepresidente tivo un encontro formal cos traballadores das diferentes seccións do Museo, para facelos partícipes dos avances que se van tomar dende a Deputación de Pontevedra para impulsar o Museo de Pontevedra.
"As portas do meu despacho estarán sempre abertas para eles. O diálogo e a escoita activa marcarán a partir de agora a nosa relación" asegurou o vicepresidente ao tempo que puxo en valor a traxectoria profesional da nova directora, Ángeles Tilve.