Pontevedra reabrirá o luns as praias do Lérez, Ponte Sampaio e Os Praceres

Pontevedra
22 de maio 2020

O Concello instalará nos areais uns paneis informativos nos que se recollerán as normas de utilización, entre elas a necesidade de manter distancia mínima de seguridade de 2 metros, tanto en terra como na auga, e de que os grupos non superen as 15 persoas

Praia fluvial do Lérez desde a Illa das Esculturas
Praia fluvial do Lérez desde a Illa das Esculturas / Diego Torrado

Coa entrada na fase 2 da desescalada, Pontevedra reabrirá o próximo luns 25 de maio as praias do Lérez, Ponte Sampaio e Os Praceres.

O Concello instalará nos areais uns paneis informativos nos que se recollerán as normas de utilización, entre elas a necesidade de manter distancia mínima de seguridade de 2 metros, tanto en terra como na auga, e de que os grupos non superen as 15 persoas.

Conscientes do incremento de temperaturas que anuncian as previsións meteorolóxicas, o goberno municipal apela ao "sentidiño común" dos cidadáns e pídenlles que gradúen "na medida do posible" a súa volta ás praias.

Así, agardan que, ao contrario do que aconteceu cando se aliviaron as medidas de desconfinamento e se reabriron as zonas verdes, non se produzan aglomeracións nos primeiros días.

A Policía Local, en todo caso, vixiará que non se produzan excesos nesta volta aos areais.

Entre as normas de obrigado cumprimento, inclúese a prohibición de uso das duchas e fontes de auga, así como o mantemento da distancia de seguridade dentro dos grupos entre as persoas que non compartan domicilio ou, no seu defecto, a adopción de medidas alternativas de protección física, tanto de hixiene de mans como máscaras para cubrir a boca.

Todos os obxectos persoais, entre elas as toallas, deben permanecer dentro do perímetro de seguridade de dous metros, evitando o contacto co resto de usuarios.

Permitirase a práctica de actividades deportivas e de lecer, sempre que se poidan desenvolver individualmente, sen contacto físico e gardando os dous metros de distancia de seguridade.