Pontevedra quere 'lavar a cara' á fachada verde da cidade cara o río

Pontevedra
21 de febreiro 2019

Recuperar espazos degradados co paso do tempo e retirar exemplares de plantas en mal estado, crear macizos de arbustos con flor e repoñer árbores, pero seguindo unha coherencia paisaxística en toda a zona. É o obxectivo do proxecto que porá en marcha o Concello para redeseñar o paseo do Lérez entre a ponte das Correntes e as Corbaceiras

Zona de paseo cara a Marín nas Corbaceiras
Zona de paseo cara a Marín nas Corbaceiras / PontevedraViva

Recuperar espazos degradados co paso do tempo e retirar exemplares de plantas en mal estado, crear macizos de arbustos con flor e repoñer árbores, pero seguindo unha coherencia paisaxística en toda a zona. É o obxectivo do proxecto que porá en marcha o Concello para redeseñar o paseo do Lérez entre a ponte das Correntes e as Corbaceiras.

Os traballos comezarán nos próximos días, segundo avanza o goberno municipal, e partindo do Club Naval está prevista unha reformulación dos espazos verdes.

Así, plantarase arborado similar ao do resto do paseo e tamén planta mellorando a imaxe do acceso a esta instalación. A entrada carece de calquera tipo de adorno de xardín, con zonas verdes só en céspede. Manterase e completarase a plantación da sebe vermella situada detrás dos bancos do paseo.

Nalgúns puntos se irán plantando en determinados lugares macizos de sebes con flor, cun estilo rododendro parecido aos situados aos pés da ponte da Barca, para darlle cor e manter a coherencia de deseño en todo o paseo.

Tamén está previsto completar a aliñación de árbores naqueles puntos que faltan. Serán todas da mesma especie, aínda que non se retirarán as que agora están plantadas como os piñeiros aínda que non sexan, recoñece o Concello, os exemplares máis acaídos para este tipo de paseo.

Retirarase, polo tanto, arbustos dispersos e céspede en espazos que non deben estar, buscando esa harmonía paisaxística na zona. 

A intervención supón, tamén, a renovación de todo o rego automático que será de nova xeración para que teña unha maior durabilidade.

Ademais, está previsto unha actuación aos pés da pasarela que baixa da Ponte da Barca cara o Club Naval para ensanchar o paseo reducindo un pouco o xardín. Esta intervención complétase coa poda, limpeza e mantemento que se están a facer na mediana da avenida de Uruguai.