Pontevedra quere impulsar unha 'comunidade verde' no pequeno comercio local

Pontevedra
15 de novembro 2024

Os participantes neste proxecto poderán medir a súa pegada de carbono e, a través de diversas auditorías e diagnoses, optimizar os seus recursos e avanzar en materia de eficiencia enerxética

Máximo Sánchez, Anabel Gulías e Estela Cardalda
Máximo Sánchez, Anabel Gulías e Estela Cardalda / PontevedraViva

Cincuenta comercios e vinte establecementos de hostalaría poderán participar nun proxecto que busca impulsar unha "comunidade verde" no pequeno comercio local de Pontevedra.

O obxectivo desta iniciativa "innovadora", segundo a edil responsable da área de promoción económica, Anabel Gulías, é pór a disposición dos comerciantes as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización da economía local.

A emerxencia climática, sostivo Gulías, "é unha realidade", polo que defendeu que toda a cidade debe colaborar para contribuír á sustentabilidade do planeta, baixo a máxima de "pensa globalmente e actúa localmente".

Así, os participantes neste proxecto poderán medir a pegada de carbono que xera a súa actividade para que, a través de diversas auditorías e diagnoses, poidan optimizar os recursos cos que traballan e avanzar en materia de eficiencia enerxética.

Os interesados en ser parte desta comunidade deberán inscribirse en airco2.earth/concellopontevedra. Entrarán no proxecto, por orde de rexistro, tras comprobar que a súa actividade se desenvolve no termo municipal de Pontevedra.

Unha vez se mida toda a pegada de carbono que, de forma global, emiten todos os participantes neste proxecto, esta 'contaminación' compensarase coa plantación de árbores autóctonas no municipio.

Á fronte de todo este traballo estará Máximo Sánchez, responsable da empresa AirCO2, que explicou que o cálculo desta pegada de carbono farase en base a tres criterios.

En cada caso analizarase a flota de vehículos, o consumo da luz e outras cuestións relativas á actividade económica, entre elas o uso de materias primas, os hábitos dos traballadores, a xestión dos residuos ou o consumo de auga.

Os resultados deste estudo permitirán tramitar ante o Ministerio de Transición Ecolóxica a certificación oficial desta pegada de carbono, unha especie de selo de calidade que poderán ir mellorando a medida que vaian reducindo as súas emisións.

Esta certificación, ademais de ser un reclamo para os comerciantes porque cada vez son máis os consumidores que prefiren un "comercio verde a un comercio marrón", permite acceder a subvencións, contratos públicos ou a diversas formas de financiamento.

Desta forma, partindo da "foto do que hai agora", AirCO2 traballará cos participantes en "como quere ser o día de mañá", propoñendo diversas formas de actuación para reducir a pegada de carbono que xeran as súas respectivas actividades.

Que Pontevedra se poña á fronte desta formulación contra a emerxencia climática, subliñou Máximo Sánchez, "tamén é facer marca Pontevedra" porque demostra o tipo de cidade "que queremos ser", situando ao seu comercio á vangarda.