O programa Convive.comigo quere dar un paso máis en Pontevedra e buscará crear e consolidar un 'banco' de cidadáns ou familias que estean dispostas a acoller temporalmente a menores e adolescentes con dificultades.
Esta iniciativa está destinada ao acollemento de adolescentes con medidas xudiciais de convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo.
Isto tradúcese en estadías cunha duración aproximada de entre seis e doce meses, nas que, a través dun ambiente socializador e positivo, os adolescentes teñen a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial, evitando así que reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
Os requisitos para formar parte deste programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, ter estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade.
Ademais valórase positivamente a formación relacionada coas ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar e ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como a etapa da adolescencia, a resolución de conflitos, a medida xudicial de convivencia e o seu marco xurídico ou as pautas educativas a seguir.
Durante o ano 2021, segundo explicou o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, o xulgado de menores de Pontevedra derivou ao programa Convive.comigo a tres mozos coa obriga de cumprir unha medida de convivencia e mantivéronse activos cinco grupos familiares.
De cara a obter máis información sobre este programa pódese consultar a páxina web de Arela (www.arela.org), chamar ao teléfono da súa sede central (986 21 25 37) ou escribir á dirección de correo electrónico convive@arela.org.