Pontevedra quedarase sen cines o vindeiro venres 14 de xuño. Así llo comunicaron este luns ao persoal de Cinebox Vialia.
Estes traballadores acudiron ao edificio xudicial da Parda, onde estaba fixada á unha da tarde, a vista polo desafiuzamento promovida polo propietario do edificio de Vialia, a Administración de Infraestructuras Ferroviarias (Adif), contra a empresa que explota os cines, Abaco Cinebox.
Logo dunha hora de espera os avogados do Adif e da distribuidora valenciana abandonaron o xulgado de instrución número un sen dar ningún tipo de explicacións aos traballadores nin tampouco aos medios de comunicación.
Foi o propio xuíz, Ignacio de Frías Conde, quen tivo a deferencia de dar algunha explicación sobre o que alí sucedera.
Segundo o decano dos xuíces pontevedreses as partes acababan de chegar a un acordo polo que "recoñecen a débeda e resolven o contrato". Isto significa, tal e como detallou a unha das traballadoras afectadas, que "coa explotación actual" e "salvo que atopen a alguén" que Pontevedra quedará sen cines.
Segundo explicou o xuíz ao secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luís García Pedrosa, que tamén acudiu ata o edificio da Parda "a data de peche é o venres 14 de xuño".
García Pedrosa informou que o director xeral de Abaco Cines citou para este martes 21 de maio "entre as seis e as sete da tarde" á delegada de persoal en Pontevedra para comunicar a rescisión dos contratos do persoal, en total, quince traballadores.
Segundo confirmou o propio Adif, a débeda polo aluguer das instalacións que mantén Abaco ascende a 1,3 millóns de euros.