O BNG insiste. Desde que non contan con deputados en Madrid, Galicia está "desaparecida" da axenda política nacional. Para estas eleccións xerais do 28 de abril, os nacionalistas móstranse "ilusionados" ante a posibilidade de regresar ao Congreso e afrontan estes comicios con "optimismo".
Así o destacou a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, que mostrou o seu "convencemento" de que recuperar esa presenza no parlamento nacional é a "única forma" de que os temas que "afectan" a Galicia sexan escoitados en Madrid.
Da Silva recoñece que esta campaña será "enormemente intensa" e desde o BNG traballarán para que os pontevedreses coñezan as súas propostas, impulsadas por un proxecto político "serio, coherente e unido" e que conta cun liderado "claro e firme".
Actualmente, dixo, "pouco ou nada se fala" a nivel nacional dos problemas que existen en Galicia, entre eles, a ausencia dunha tarifa eléctrica propia, a transferencia da AP-9 ou o apoio aos sectores produtivos galegos, algo que o BNG pretende "cambiar" nun escenario "sen maiorías absolutas" onde un voto pode decantar a balanza.
Ante esta situación, a candidata do BNG lamentou que Alberto Núñez Feijóo sexa un "okupa" na presidencia da Xunta e que leve "dez anos calado" ante a ausencia de novas transferencias por parte do Estado. É un presidente, engadiu, "sen competencia nin capacidade" para xestionar os recursos cos que conta Galicia.
O BNG entende que Galicia debe ter "o mesmo marco competencial" que outras comunidades históricas como País Vasco ou Cataluña, polo que Carme da Silva insistiu en que os nacionalistas traballarán para ser "determinantes" e que os galegos "non teñamos eses agravios" con respecto a outros territorios.
A CAMPAÑA ARRANCARÁ EN PONTEVEDRA
A campaña electoral do BNG, que se inicia na madrugada do xoves ao venres, terá o seu primeiro gran acto en Pontevedra. O Teatro Principal acollerá o venres día 12, a partir das 20.30 horas, o mitin central dos nacionalistas, no que ademais de Carme da Silva, intervirán o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a portavoz nacional, Ana Pontón.
O BNG, a nivel comarcal, fará un "esforzo" por percorrer os catorce concellos desta área territorial cunha campaña "boca a boca", segundo explicou o seu coordinador Demetrio Gómez, que pretende convencer aos votantes de que ter un deputado nacionalista logrará que se adopten "solución acaídas" para os problemas que ten Galicia.