A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este xoves o Colexio Froebel de Pontevedra para poñer en valor o programa de distribución de froita e leite nos centros escolares de Galicia.
Durante o acto, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, destacou a importancia desta iniciativa para fomentar hábitos alimenticios saudables entre os escolares.
A convocatoria destas axudas para o curso 2024/25 ascende a máis de un millón de euros, financiados na súa totalidade polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).
Grazas a este orzamento, subministraranse froita fresca, castañas e leite a 323 centros educativos de toda Galicia, beneficiando a preto de 80.000 alumnos.
A provincia de Pontevedra é a máis favorecida polo programa, xa que concentra 149 dos centros participantes e máis do 48% dos fondos asignados, cunha achega que supera os 480.000 euros.
Durante a súa intervención, María José Gómez subliñou que o obxectivo principal desta medida é "potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro". Ademais, engadiu que "este tipo de programas permiten que os escolares consuman froita e leite dun xeito máis divertido, compartíndoo cos seus compañeiros no colexio".
Tamén apuntou que "non en todos os fogares se mantén estes hábitos, polo que esta é unha boa forma de achegarlles unha dieta saudable e impulsar o consumo de produtos do agro, como a froita e o leite".
O programa, coordinado polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), establece dous períodos de distribución ao longo do curso.
O primeiro, que se estenderá ata febreiro, e o segundo, de marzo a xuño. En cada quenda, os produtos repartiránse durante 10 días lectivos consecutivos.
No caso do leite líquido, o reparto farase durante un mínimo de 10 días seguidos.
A conselleira explicou que o procedemento para acceder ao programa é sinxelo: "Os centros escolares solicítano e o Fogga subvenciona o 100% dos produtos consumidos. É totalmente gratuíto para os colexios, que unicamente deben presentar a documentación e as facturas correspondentes".
En canto á procedencia dos produtos, Gómez aclarou que "a froita non sempre pode ser galega nesta época do ano, pero no verán realizamos outras campañas de promoción con produtos de proximidade".
En cambio, destacou que "o 42% do leite producido en España é galego, polo que esta iniciativa axuda a poñer en valor un sector estratéxico para Galicia".
Gómez tamén incidiu na importancia de fomentar o consumo de produtos de proximidade e apoiar os pequenos produtores.