A Concellería de Benestar Social de Pontevedra, en colaboración coa ONG Boa Vida, presentou un novo programa que busca combater a soidade non desexada e a falta de vivenda a través de modelos de vivienda compartida. Este proxecto iniciarase en catro parroquias: Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Salcedo e Cerponzóns.
Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social, e Pepa Vázquez, presidenta de Boa Vida, explicaron que a iniciativa ten como obxectivo dar resposta a dous problemas crecentes: a demanda de compañía e coidados dunha poboación envellecida e afectada por diversas circunstancias, e a falta de vivendas en alugueiro para persoas en situación de vulnerabilidade, como desempregados, anciáns con pensións limitadas ou poboación inmigrante.
Insistiron en que este programa serve para conectar persoas con necesidades habitacionais e aquelas que padecen soidade, sempre baixo a supervisión dos integradores sociais de Boa Vida, a ONG que será a encargada de desenvolver o proxecto.
O programa inclúe dúas actuacións principais: o proxecto de Vida Compartida e Fogares Creativos, que se poñerán en marcha a partir de xaneiro.
Vida compartida arranca de inmediato coa fase previa informativa nas catro parroquias na procura de persoas acolledoras, seguido dunha formación para os participantes e a elaboración dos acordos para sentar as bases dunha vida en común. A continuación, probarase durante uns 15 ou 20 días a convivencia cos primeiros candidatos.
Fogares Creativos iniciarase coa localización de vivendas baleiras e propietarios para alugar cun “prezo solidario” a persoas en situación de vulnerabilidade pero dispostas a emprender unha convivencia colectiva autónoma. O pago estaría garantido xa que o asume Boa Vida, e as portas da vivenda estarán sempre abertas para os propietarios.
Gulías e Vázquez coincidiron na importancia de abrir as vivendas de alugueiro puntualmente a persoas sen hogar, en coordinación con entidades como Cruz Vermella, Cáritas e os servizos sociais municipais, para proporcionarlles espazos onde poidan ducharse ou aloxarse temporalmente. Esta actuación realizaríase nunha fase máis avanzada do proxecto.
A ONG Boa Vida asumirá a responsabilidade de seleccionar aos conviventes, guiando o proceso e monitorizando a convivencia para resolver calquera posible conflito, todo iso co obxectivo de crear un ambiente de apoio, solidariedade e seguridade entre os participantes.