Con apenas dez meses de vida, O Ganapán é xa unha das referencias lúdicas de Pontevedra. Pero o programa que dá vida ao espazo infantil do mercado de abastos deu un paso de xigante na súa proxección fóra das nosas fronteiras e presentouse en Madrid como modelo dunha nova conexión entre cultura e cidadanía nos espazos públicos.
O Ganapán, elixido como proxecto-modelo polo Ministerio de Cultura, participou no III Encontro de Cultura e Cidadanía, que se celebrou este venres no centro cultural Matadero, un dos espazos de referencia da vida cultural da capital española.
O encontro congregou unha trintena de proxectos punteiros do sector de cultura e cidadanía no ámbito latinoamericano. Pretendía destacar o labor de iniciativas culturais innovadoras, diversas e inclusivas de todo o Estado.
A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, foi a encargada de introducir O Ganapán en Madrid, destacando que é "unha nova forma de concibir a relación da cidadanía e a infancia cos espazos públicos da cidade, de fomentar o comercio de proximidade e un consumo consciente e comprometido co entorno, e de recuperar, para o público infantil e familiar, unha relación interxeracional cos oficios do mar e da terra".
A intervención da edil de Pontevedra pechou esta cita, cun panel de experiencias sobre interxeracionalidade e cultura en familia, moderado pola subdirectora xeral de Museos Estatales Olga Ovejero, acompañada das iniciativas PIE(E)CE de Barcelona e "Juego en Ruta" do Concello de Madrid.
Todos os proxectos seleccionados son modelos de cultura inclusiva, que ocupan o espazo público para crear novas experiencias que chegan a públicos diversos, abrindo pontes e canles de comunicación entre a cultura e a cidadanía.
Nese sentido, o Ganapán leva desde o Nadal realizando actividades infantís, familiares e escolares que teñen como finalidade achegar ás crianzas á cultura dos oficios do mar e da terra, con encontros con mariñeiros, labregas, praceiras, redeiras, bateeiros, cociñeiras… oficios tradicionais que representan a cultura inmaterial galega.
Durante este tempo, organizáronse actividades para máis de 1.200 escolares, con visitas de máis de 50 grupos de centros educativos do concello e contorna. Ademais, nas fins de semana, son as familias as que participan en diversos talleres de natureza, arte e gastronomía.