Pontevedra preséntase na Feira Internacional do Turismo de Interior como “a cidade onde mellor se vive e come do mundo”

Pontevedra
15 de novembro 2022

A Boa Vila estará presente en Valladolid neste salón, que se celebrará entre os días 17 e 20 de novembro e que é referente no turismo de proximidade con máis dun milleiro de destinos expostos, para posicionarse como capital española do turismo gastronómico e das infraestruturas verdes e azuis a través da marca Pontevedra Capital Gastro e a estratexia Pontevedra Flúe

Captura do vídeo promocional de Turismo de Pontevedra
Captura do vídeo promocional de Turismo de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Pontevedra preséntase na Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur) como "a cidade onde mellor se vive e come do mundo".

Turismo de Pontevedra presentarase no salón de Intur de Valladolid coa finalidade de posicionar á cidade como capital española do turismo gastronómico e das infraestruturas verdes e azuis, a través de dous proxectos esenciais como a marca Pontevedra Capital Gastro e a estratexia de loita contra o cambio climático e renaturalización de ríos e espazos naturais Pontevedra Flúe.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, afirmou que "o traballo de posta en valor da nosa gastronomía, produtos e cociñeiros que levamos a cabo ao longo deste mandato a través de Pontevedra Capital Gastro permitiunos posicionarnos como modelo a seguir no que atinxe a turismo gastronómico e, sen dúbida, é algo do que podemos sacar peito nesta Feira de Intur".

"Somos unha potencia no eido da gastronomía e non hai outro lugar, nin en España nin no resto do mundo, que conte cuns produtos do mar e do campo con tanto sabor e calidade", engadiu a concelleira.

Asemade, Pontevedra tamén quere aproveitar a súa presenza en Intur para asentar o seu posicionamento e aposta polo modelo de cidade verde e azul, fundamentalmente dando a coñecer a vintena de actuacións de renaturalización, reverdecemento e loita contra o cambio climático incluídas dentro da estratexia Pontevedra Flúe.

Segundo apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, entre estas intervencións, valoradas en máis de 20 millóns de euros e das que moitas delas xa contan con financiamento de fondos europeos, contémplanse algunhas en marcha ou a punto de iniciarse, como a restauración da vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez, a renaturalización do treito do río dos Gafos que discorre entre A Tablada e Rosalía de Castro, a construción do primeiro parque de xogos de auga da cidade.

Tamén hai outras que se están a tramitar e que xa contan con financiamento, como a rehabilitación dos salóns do Lérez, a mellora paisaxística e ambiental do parque de María Vinyals ou a restauración da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras, e outras en fase de anteproxecto, como o plan para controlar o Valdecorvos mediante lagoas artificiais e acabar coas inundacións na rúa Padre Fernando Olmedo ou o proxecto que permitirá crear zonas de estar e acceso á auga nos contornos do Pavillón dos Deportes e a Illa das Esculturas.