Pontevedra presenta o operativo especial de tráfico e seguridade polo paso da Vuelta

Pontevedra
14 de agosto 2013

Aproximadamente 200 persoas entre os diferentes servizos como Protección Civil, Bombeiros, limpeza ou persoal sanitario está incluído no dispositivo para a saída da segunda etapa dende a cidade, o día 25 de agosto, e o paso da terceira polo centro urbán un día máis tarde

O pelotón da Vuelta ao seu paso por Pontevedra na edición de 2012
O pelotón da Vuelta ao seu paso por Pontevedra na edición de 2012 /

A saída da segunda etapa da Vuelta Ciclista a España dende Pontevedra e o paso pola cidade da terceira provocou a elaboración dun amplo dispositivo de tráfico e seguridade na capital da provincia.

Segundo deu a coñecer o Concello, cada un dos días participarán neste dispositivo preto de 200 persoas entre Protección Civil, Bombeiros, limpeza ou servizos médicos.

Ademais o plan especial inclúe a presenza en Pontevedra de boa parte da caravana da carreira. En concreto serán sete os equipos que establecerán a súa base na cidade dende o día 21 de agosto e ata o día 26, ambos os dous inclusive, ao que hai que sumar o persoal da organización, un total de 400 persoas diarias repartidas en oito hoteis, o que fará que se colgue o cartel de completo nestes establecementos.

A repartición efectuouse do seguinte xeito: o Movistar hospedarase no Parador, o Belkin nos Apartamentos Dabarca, o AG2R no Room, o Cofidis e o Team Saxo na Galicia Palace, o Argo Shimano no Rías Bajas e o Vancasoleil no Campaniola. Ademais, os hoteis Virgen del Camino e Peregrina aloxarán membros da organización.

Para a saída da segunda etapa, que unirá Pontevedra co Monte da Groba o día 25 de agosto, habilitaranse zonas abertas ao público onde os afeccionados poderán achegarse a ver os seus ciclistas favoritos ante da saída a un tramo neutralizado polo centro da cidade que partirá da Praza de España.

Serán unhas horas de actividade e interacción cos deportistas dende que se abra o control de sinaturas, ás 11:30 horas, ata o pistolezo de saída, previsto para as 13:00 horas, cun percorrido que pasará por Michelena, Peregrina, Cobian Roffignac, Bos Aires, Ponta das Correntes, Domingo Fontán, Ponte do Burgo, de novo Bos Aires, Padre Gaite, Fernando Olmedo, Casimiro Gómez, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Sagasta e Avenida de Vigo, onde se dará a saída lanzada á etapa.

O corte de tráfico do circuíto terá unha duración aproximada dunha hora, permitíndose deixar os coches nesas rúas a excepción de Cobian Roffignac, Padre Amoedo e no cruzamento con Conde Bugallal en busca de "causar as menores molestias posibles", segundo apunta o intendente da Policía Local Daniel Macenlle.

Por outros lado as carpas e autobuses dos equipos instalaranse na Avenida Monteiro Ríos, nun despregamento que tamén ocupará a rúa Alameda, Echegaray, Raíña Victoria ou Arcebispo Malvar, lugares que se contarán con restriccións de aparcadoiro, ademais das de circulación, a partir das 23:00 horas do día 24 no caso de Alameda e das 7:00 horas do 25 nas demais vías.

En canto á terceira etapa da Vuelta, entre Vigo e o Miradoiro de Lobeira do luns 26 de agosto, espérase o paso do pelotón por Pontevedra sobre as 14:30 horas segundo o horario intermedio previsto pola organización.

A carreira entrará na cidade pola rúa Rosalía de Castro, pasando despois por Fernández Ladreda, Xeneral Antelo Rubín, Raíña Victoria, Alameda e Echegaray ata saír pola Barca.