Pontevedra, premiada a nivel europeo polo seu modelo de cidade peonil

Pontevedra
18 de decembro 2012

"Non collo na camisa e iso que puxen unha moi grande". Esa expresión de Miguel Fernández Lores resume perfectamente a satisfacción do Concello de Pontevedra ante un novo premio ao seu modelo de cidade. Asegurou que este recoñecemento internacional "é un espaldarazo importante"

Vista aérea de Pontevedra
Vista aérea de Pontevedra / PontevedraViva

"Non collo na camisa e iso que puxen unha moi grande". Esa expresión de Miguel Fernández Lores resume perfectamente a satisfacción do Concello de Pontevedra ante un novo premio ao seu modelo de cidade. E non calquera premio. Pontevedra foi galardoada co premio Intermodes 2013, que entrega anualmente unha axencia colaboradora da Unión Europea centrada en asuntos de mobilidade intermodal e accesibilidade.

Pontevedra recibe este premio, segundo o comunicado remitido por Intermodes, "pola súa política exemplar" no transporte intermodal de pasaxeiros. Destaca especialmente o proxecto Metrominuto, un plano editado polo Concello de Pontevedra no que se detallan, imitando as liñas do transporte por metro, itinerarios a pé pola cidade e o tempo que se tarda en percorrelos. Cualifícano como "o primeiro mapa peonil en Europa".

"ÿ o resultado final do noso modelo urbano", sinalou Miguel Fernández Lores, quen visiblemente feliz e orgulloso deste recoñecemento, destacou que este premio "é un éxito espectacular". Desvelou que "non houbo ningunha proposta para que Pontevedra fose elixida", senón que foi a propia Intermodes a que escolleu á cidade "polo seu modelo urbano, pola súa peonalización e por facer que os cidadáns poidan disfrutar dela a pé".

Fernández Lores, que dedicou o premio a todas aquelas persoas, políticos e técnicos que "nestes trece anos apostaron por este modelo de cidade", asegurou que este recoñecemento internacional "é un espaldarazo importante". Segundo o alcalde de Pontevedra é a "plasmación práctica da bondade deste modelo", e que supón para o goberno municipal "un impulso para seguir traballando nesta liña".

Pontevedra é a primeira cidade europea en conseguir este galardón. Instaurado en 2009, os anteriores premiados foron proxectos fronteirizos conxuntos da rexión alemá de Lorena e Luxemburgo (2009), do Ródano francés e Suíza (2010) ou do estreito de Oresund, que separa unha illa danesa dunha provincia sueca (2011). O último proxecto recoñecido, en 2012, foi o plan de transporte dos Xogos Olímpicos de Londres.

O premio será entregado durante un congreso que se celebrará en Bruxelas o próximo 6 de febreiro de 2013 e que inaugurará Leo Varadkar, ministro irlandés de Transporte, como representante do país que, nese momento, presidirá a Unión Europea.