Pontevedra pregunta á Xunta quen asume a limpeza e desinfección dos colexios durante este curso

Pontevedra
06 de setembro 2021

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, expuxo as "discrepancias" do Concello de Pontevedra coa Xunta de Galicia polo sobrecusto que ocasiona ás arcas municipais os gastos de limpeza e desinfección nos recintos escolares nesta situación excepcional marcada pola pandemia

Unha traballadora do servizo de limpeza nun centro escolar
Unha traballadora do servizo de limpeza nun centro escolar / Concello de Sanxenxo

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, expuxo as "discrepancias" do Concello de Pontevedra coa Xunta de Galicia polo sobrecusto que ocasiona ás arcas municipais os gastos de limpeza e desinfección nos recintos escolares nesta situación excepcional marcada pola pandemia.

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acordou este luns preguntar á Consellería de Educación "como ten previsto delimitar estas funcións" e se se modificou o protocolo de actuación implementado o ano pasado.

"Co curso a piques de empezar esta semana asústanos a falta de previsión e a improvisación da Xunta de Galicia", dixo Anabel Gulías. 

Segundo os datos facilitados pola portavoz local, o Concello de Pontevedra gastou o curso pasado "máis dun millón de euros" en labores ordinarios de mantemento nos 21 centros educativos do municipio "cun sobrecusto de máis de 300.000 euros en tarefas que teñen que ver coa covid-19". 

O Concello quere reclamar á Xunta o diñeiro deste sobrecusto e que destine fondos para os gastos deste próximo curso, "xa que a Xunta ten fondos do Estado por cuestións derivadas da covid-19".

Durante o pasado curso estableceuse un protocolo de limpeza tres veces ao día durante a xornada lectiva de aseos, ximnasios e espazos de uso común, o reforzo de limpeza en superficies de uso frecuente -mesas, mobles, teléfonos, colgadoiros-, a limpeza de zonas privadas de traballadores, vestiarios, cociñas e a desinfección xeral do centro e o mobiliario. Ata antes da pandemia só facíase unha limpeza diaria ao finalizar as clases.

A portavoz do Concello de Pontevedra lembrou que a Xunta ten as competencias en materia de sanidade e educación "e, a día de hoxe, nós non recibimos ningunha comunicación para ver cal vai ser o protocolo" polo que os responsables municipais descoñecen se neste curso hai algún cambio ou se se vai a actuar "de maneira similar ao ano pasado" cando os concellos asumiron a limpeza e desinfección.

"Chámanos moitísimo a atención de que sexamos os concellos de novo quen teña que facer fronte ás competencias da Xunta", reprochou Anabel Gulías. "Como sempre a actitude da Xunta é cargar con competencias aos concellos sen destinar os recursos económicos", engadiu.