Pontevedra, porta de entrada da heroína para España e Portugal

Pontevedra
06 de abril 2023

En todo o ano 2020, en toda Galicia as Forzas de Seguridade interviñeron 28 quilos de heroína e en todo 2021 foron  39 quilos. En Pontevedra, en só esta operación xa foron este ano máis de 24 quilos. No últimos dez anos, tan só un grupo de investigación da Policía Nacional incautou 236 quilos na provincia

Heroína intervida na operación Matoxo da Policía Nacional
Heroína intervida na operación Matoxo da Policía Nacional / PontevedraViva

Pontevedra é a provincia "por onde entra máis heroína" en España, con destino ao resto do país e a Portugal. Así o asegurou este mércores o inspector xefe do grupo 2 da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra. Era unha realidade que xa viñan observando desde hai tempo e agora acaban de confirmalo coa incautación de 24,5 quilos de substancia no marco da operación Matoxo

O responsable policial compareceu coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o comisario xefe provincial da Policía Nacional, Juan José Diaz Jiménez, e todos confirmaron a relevancia desta operación. 

En todo o ano 2020, en toda Galicia as Forzas de Seguridade interviñeron 28 quilos de heroína e en todo 2021 foron 39 quilos. Aquí, en Pontevedra, en só esta operación xa foron este ano máis de 24 quilos, o que supón máis do 60% do confiscado en toda a comunidade nun ano. 

No últimos dez anos, tan só este grupo de investigación incautou 236 quilos de heroína en Pontevedra.

Ademais, nos anos 2016 e 2017, nesta provincia batéronse récords de incautacións a nivel europeo, con 56 e 54 quilos por operación. 

Para confirmar a "envergadura importantísima" desta operación policial e da actividade detectada en Pontevedra, Maica Larriba sinalou que en toda España no ano 2020 interviñéronse 173 quilos de heroína e no ano 2021 a cantidade foi de 235. 

É unha provincia líder, segundo explicou o inspector de Udyco Pontevedra, porque os delincuentes que se dedican a este tipo de trafico ilegal en Pontevedra "son serios traballando", teñen as vías de comercialización abertas e os provedores seguen confiando neles para traer a droga desde a súa orixe. 

O delincuente que adoita dedicarse ao tráfico de heroína, habitualmente, non diversifica o negocio, senón que "só vende heroína, non se mete noutras substancias", de forma que adoitan estar moitos anos no mercado.