A menos de 24 horas da entrevista que manterán en Madrid o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, coñecemos os asuntos que ambos abordarán neste encontro bilateral.
Pontevedra exporá, dentro das propostas de actuación do Concello, recuperar a canle interior da Illa das Esculturas, que actualmente non se atopa nas mellores condicións, rexenerando todo o leito ou estudando as posibilidades de abrilo á navegación.
O goberno municipal quere impulsar tamén a creación dunha nova zona de baño. Sería na Xunqueira de Alba, no marco do proxecto de rexeneración e posta en valor de todo esta contorna, coa saída das edificacións que ocupan terreos marítimo-terrestres.
Ademais, Fernández Lores avanzou que propoñerá á ministra rexenerar a enseada do Ulló, para unha posible integración na Vía Verde entre Arcade e Pontevedra, e que a recuperación da fachada marítima de Ponte Sampaio poida ser executada polo ministerio.
A este respecto, o Concello dispón dun anteproxecto para recuperar 2,5 hectáreas da Xunqueira de Ponte Sampaio, que inclúe máis zonas verdes e de estancia, áreas para practicar deportes acuáticos e dous novos embarcadoiros. Está valorado en 5,3 millóns de euros.
"Queremos tratar todos os temas que están en carteira, que son moitos, e algúns que veñen de tempo atrás", explicou o alcalde pontevedrés, polo que, entre outras cuestións, tratará con Ribera o novo vial de Mollavao ou a concesión dos antigos terreos de Malvar.
Pontevedra tamén quere que Costas desafecte o terreo que ocupan o Pavillón Municipal e o aparcamento situado enfronte, o campus universitario, os colexios e as infraestruturas deportivas da Xunqueira, o colexio Manuel Vidal Portela ou o pavillón universitario.
O alcalde abordará coa titular de Transición Ecolóxica o proxecto de recuperación do ENIL da Xunqueira de Alba ou a situación nas que se atopan, entre outras, a concesión da gasolineira do Burgo ou da antiga fábrica de cerámica de Pontesa.
Lores, por último, deixará a porta aberta a falar dos proxectos ou anteproxectos "dos que poida ter constancia" o ministerio dentro da estratexia Pontevedra Flúe, deseñada polo PSdeG-PSOE durante o pasado mandato.
"Todos os proxectos que sexan factibles, razoables e que poidan ser financiados con fondos europeos a través do ministerio serán benvidos, pero temos que saber de que cartos dispoñemos ou cales son as esixencias", subliñou o rexedor pontevedrés.
En todo caso, Fernández Lores mostrouse convencido de que ambas as partes "nos imos a encontrar" e acudirá a Madrid "moi ilusionado" e co obxectivo de chegar a acordos. "Agardamos vir satisfeitos desta viaxe", sentenciou.