O aparcadoiro segue sendo unha das cuestións pendentes por resolver no proxecto de ampliación do hospital Montecelo. Por iso, o goberno local aproveitando esta actuación quere que a Xunta de Galicia regularice os coñecidos como 'leiraparking', parcelas privadas que se utilizan previo pago como estacionamento.
Así figura no informe que os técnicos municipais redactaron con motivo do inicio dos trámites para a avaliación ambiental do proxecto de incidencia supramunicipal baixo o que se executará a ampliación do hospital pontevedrés.
O proxecto, segundo estes informes, inclúe no seu ámbito os terreos afectados polo trazado dun novo viario previsto polo Concello, pero non todos os terreos privados da contorna que se utilizan como estacionamento, que están ao servizo dos usuarios do centro sanitario.
De acordo ás conversacións entre o Sergas e o Concello, citan os técnicos, "considérase importante que o ámbito inclúa todos os terreos privados co fin de permitir e regular o uso de estacionamento non ligado a outros usos principais, xa que actualmente o uso de estacionamento neses terreos está moi limitado pola clase e categorización do chan".
Esta medida permitiría "evitar máis incidencias ambientais debido ás necesidades de aparcadoiro derivadas da ampliación do centro sanitario", conclúen.
A edil de Urbanismo, Anabel Gulías, avanzou que o goberno municipal suxerirá que tamén se permita con esta regulación novos 'leiraparking' que se poidan habilitar en terreos próximos ao novo viario que construirá o Concello para circunvalar o hospital.