Pontevedra pide á Xunta "maior rigor" no proxecto da nova glorieta de Marcón

Pontevedra
19 de abril 2021

Un proxecto que "parece que naceu con mal pé", segundo dixo este luns a portavoz do Goberno Local, Anabel Gulías, que deu conta dun informe sobre esta rotonda que emiten conxuntamente varias áreas do Goberno

Zona de Marcón na que se construirá a nova rotonda
Zona de Marcón na que se construirá a nova rotonda / Xunta de Galicia

O Concello de Pontevedra solicita á Xunta "maior rigor" en relación coa rotonda de proxectada na estrada PO-542, en Pazos (Marcón), diante do coñecido Bar Emiliano e nos accesos ao campo de fútbol do Carrasco. 

Un proxecto que "parece que naceu con mal pé", segundo dixo este luns a portavoz do Goberno Local, Anabel Gulías, que deu conta dun informe sobre esta rotonda que emiten conxuntamente varias áreas do Goberno.

O pasado mes de febreiro o Concello xa espertara os receos no Goberno local e o rexeitamento absoluto dos técnicos municipais a este proxecto da Consellería de Infraestruturas que prevé mellorar a actual intersección en cruz, reducir o número de xiros á esquerda cara a Pontevedra e diminuír a velocidade do tráfico neste tramo. Ademais, tamén se reordenará o espazo público.

A rotonda deseñada polos técnicos da Xunta terá dous carrís de catro metros de longo e beiravías dun metro o que, segundo o goberno galego, permitirá reordenar este cruzamento da PO-542 coas estradas provinciais EP-0003 e EP-0004.

Unha vez chegada a resposta da Consellería o Concello de Pontevedra segue insistindo nalgunhas "deficiencias" que fixo constar a Oficina de Plan como a ausencia do informe de Patrimonio da Xunta de Galicia con respecto a un hórreo situado nas inmediacións, e a Oficina de Medio Ambiente "segue detectando erros que condicionan a emisión de informes favorables por parte deste Concello". Por exemplo, non están acoutadas as sendas na documentación gráfica.

Tamén advirte o Concello que falta sinalización desa glorieta e propón que se contemplen pasos de peóns sobre elevados, un elemento de seguridade do tráfico no que fan especial énfase. Tampouco hai información detallada sobre zonas verdes, nin se indica a quen corresponde a súa titularidade e mantemento.

Finalmente, o Concello envía unha relación de servizos de competencia municipal que ven afectados por esta rotonda. Informando das obras de saneamento xa elaboradas na zona e tamén delimitan as zonas de abastecementos pendentes da construción do depósito de Valadares.

A Xunta ten previsto investir 750.000 euros nesta infraestrutura.