Pontevedra traslada o seu máis fondo pesar e apoio ás familias afectadas pola DANA

Pontevedra
31 de outubro 2024

Ás portas da Subdelegación do Goberno de Pontevedra tivo lugar este mediodía un minuto de silencio que se gardou en sinal de loito polas vítimas desta traxedia

Minuto de silencio na Subdelegación del Gobierno
Minuto de silencio na Subdelegación del Gobierno / PontevedraViva

O Goberno central decretou tres días de loito oficial en toda España polas consecuencias da DANA que afectou o sureste e outros puntos do Estado e que provocou a morte de, polo menos, 95 persoas.

Ás portas da Subdelegación do Goberno de Pontevedra tivo lugar este mediodía un minuto de silencio que se gardou en sinal de loito polas vítimas desta traxedia.

O acto contou coa asistencia de diferentes responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e de distintas administracións, así como do persoal da Subdelegación.

O loito prolongarase até o 2 de novembro, segundo queda recollido hoxe no BOE. Durante este período, a bandeira nacional ondeará a medio mastro no exterior de todos os edificios públicos.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, fixo dúas reflexións ante esta "desgraza verdadeiramente abafadora".

Primeiro destacou que "a importancia dos servizos públicos" de "coidar a quen nos coida. Estar atentos e ser capaces de protexernos entre todos faise a través do público e aí temos que perseverar".

E tamén engadiu que nestes momentos de dor "están de máis, eu diría que mesmo eticamente é reprobable, calquera intento de utilización política partidaria dun feito tan dramático como este".

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores expresou o "profundo pesar" polas persoas falecidas a consecuencia da DANA, e transmitiu "toda a solidariedade, apoio ás familias, ás persoas achegadas", así como os gobernos das comunidades autónomas e tamén os concellos.

"Eu podo entender perfectamente o que están a pasar e imaxínome se nos pasase algo así parecido…", comentou Lores.