Pontevedra perderá o 50% da súa hostalería antes do verán se non chega o rescate ou a reapertura

Pontevedra
04 de febreiro 2021

Os colectivos de hostaleiros da cidade, Hoempo e PAC, alertan da precaria situación que atravesa o sector, da falta de axudas reais por parte da Administración e do endebedamento no que están a incorrer os autónomos

O sector da hostalería de Pontevedra reclama axudas para salvar a pequenas empresas e autónomos
O sector da hostalería de Pontevedra reclama axudas para salvar a pequenas empresas e autónomos

A desaparición dunha franquía como 100 Montaditos de Pontevedra fixo soar aínda máis forte as alarmas dun sector agonizante. Antes do peche desta taberna xa correran a mesma sorte máis de trinta pequenos negocios da cidade e, se a situación non cambia, a Boa Vila perderá a metade dos seus bares, restaurantes, cafeterías e pubs antes do verán. 

"Levamos tempo avisando de que o 50 % dos hostaleiros non van chegar ao verán. Moitos esgotaron xa as súasreservas e están a meter xa o seu propio patrimonio. Todo depende agora do pulmón de cada un", asume con angustia Elena Vitoria, portavoz de Hoempo (Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra).

O peche desta coñecida franquía na cidade é un reflexo claro da delicada saúde do sector. "Unha franquía deste tipo ten máis aguante que os pequenos, así que imaxina como estamos", lamenta Jacobo Barragáns, un dos portavoces da Plataforma de Afectados pola Covid-19 e propietario do Mulligans.

Desde Hoempo mostran tamén o seu pesar polo peche de establecementos, aínda que puntualizan que "unha franquía non é unha cadea, é un establecemento máis. Ademais adoitan ter unha maior esixencia porque están en espazos emblemáticos e necesitan máis persoal", suxire Vitoria algunha das causas deste peche.

A situación na que queda o persoal e os provedores destas empresas que pechan é outro motivo de preocupación para o sector. "É algo que non se ve, pero aféctanos a todo o mundo. Agora que caen as grandes comezamos a darnos conta, pero os pequenos xa levamos tempo sufríndoo", engade Barragáns.

Ambos os colectivos coinciden ao alertar sobre a urxencia de adoptar medidas que axuden ao sector. "As medidas están a ser insuficientes e estannos levando á ruína", afirman desde Hoempo. Máis explícitos aínda son na PAC: "O panorama é negro".

A Xunta anunciou diversas liñas de axudas económicas específicas para o sector, pero os autónomos aseguran non só que o diñeiro non lles está chegando, senón que cumprir os requisitos é practicamente imposible. "Hai que ler a letra pequena, parece que están deseñadas para que non podamos chegar a elas", critica Barragáns.

O sector non só demanda apoio económico, a súa principal demanda é que lles permitan traballar. "Queremos que nos traten como ao resto de sectores, o comercio ou as grandes superficies seguen abertos. Din que non somos o culpables pero todas as restricións van contra a hostalería. Nós cumprimos todas as normas", reivindica o portavoz da PAC.

Co obxectivo de reverter esta situación, Hoempo forma parte dun movemento dirixido a crear a primeira Federación de Hostaleiros de Galicia. "O obxectivo é representar a todo o sector", remarca Elena Vitoria. As mobilizacións nas rúas continuarán, pero de forma paralela "queremos chegar aos despachos". O rescate será unha das súas peticións. "Non nos poden dicir que non hai diñeiro cando se está falando de recuperar a AP-9, somos un sector estratéxico", subliñan desde Hoempo.