Pontevedra perde unha emisora local co peche de Cope, que informa sobre a cidade desde Vigo

Pontevedra
17 de abril 2024

Ás nove da mañá do sábado, escribiuse un novo capítulo da historia do xornalismo de Pontevedra. A Cadena Cope retirou o cartel que desde hai anos estaba colocado no balcón do local que tiña alugado na cidade, poñendo o broche ao desmantelamento da emisora

Retirada do cartel de Cope Pontevedra o sábado 13 de abril
Retirada do cartel de Cope Pontevedra o sábado 13 de abril / PontevedraViva

Ás nove da mañá do pasado sábado, 13 de abril, escribiuse un novo capítulo da historia dos medios de comunicación de Pontevedra. A Cadena Cope pechaba definitivamente a súa sede local, pasando a ter centralizada toda a súa actividade en Vigo.

Desta forma, a cidade perde unha emisora que informe sobre o que ocorre en Pontevedra desde Pontevedra, coa consecuente redución da información local, ademais da perda de postos de traballo no sector xornalístico

Nestes momentos, hai boletíns informativos realizados desde Vigo e reduciuse de forma substancial o contido pontevedrés no espazo de magazine de Cope Pontevedra. En 2023 ese espazo radiofónico duraba 60 minutos e tiña outros 10 de desconexión en Cope Ría de Arousa e agora tan só quedan dous bloques de 10 minutos elaborados desde Vigo. 

Ao longo dos anos nesta emisora local traballaron xornalistas como Rosa Pontes, Marisa Ciordia, María Treviño, Miguel Ángel Álvarez, Chema Bará, Óskar Viéitez, Rubén Rey, Luis López Baleiras, Paz Castro, Alfonso Fernández, Victoriano Castro, Víctor Castro, José Jardón, Silvia Vieito ou Pablo Romero, ademais do técnico Tonecho Vilela.

Os transeúntes que pasaban pola confluencia entre as rúas Sagasta e Joaquín Costa na mañá do sábado puideron presenciar o acontecemento máis visual dese peche, pois ese día procedeuse a retirar o cartel que desde hai anos estaba colocado no balcón do local que a cadea tiña alugado na cidade, no número 1 de Joaquín Costa

Supuxo poñer o broche a un peche que se leva anunciando meses, en especial a partir do verán de 2023, cando, na segunda quincena de xuño, unha xornalista dos dous que quedaban na emisora en Pontevedra deixou o traballo para encarar novos proxectos profesionais. 

Nese momento, quedou tan só un xornalista na emisora para encargarse da información local, pero tamén este profesional decidiu deixar a empresa na segunda quincena de xullo para afrontar outras tarefas na profesión. 

Cando estes dous profesionais deixaron a Cadena Cope, quedaron tan só unha persoa dedicada a tarefas técnicas e outra en funcións comerciais e a empresa non realizou substitucións. Cancelouse a programación local que comezara en 1999 e pasou a emitirse tan só información en clave provincial elaborada polos traballadores da emisora desde Vigo

A sede da radio en Pontevedra quedou sen practicamente uso e a finais de xaneiro deste ano procedeuse a desmontar todos os equipos da emisora.

En paralelo, a persoa que realizaba tarefas técnicas chegou a un acordo coa empresa, pois estaba próxima á idade de xubilación, e a persoa que realizaba funcións comerciais pasou a tele traballar.

Desde o pasado verán deixara de facerse información local, pero en marzo retomáronse as emisións locais, realizadas, iso si, desde Vigo.