Que Monte Porreiro sexa declarado como contorna residencial de rehabilitación programada. É o obxectivo do Concello de Pontevedra, que comezou a traballar na tramitación desta figura para o barrio, recollida na convocatoria dos fondos europeos Next Generation.
Dentro da primeira liña de axudas que se convocou, Bruxelas destinará 1.151 milones de euros a España. Deles, 67,2 millóns serán transferidos á Xunta de Galicia, que deberá investir un 30% dese diñeiro, 20 millóns, en axudas a rehabilitacións de barrios.
Estas axudas, segundo explicou o edil de Obras, Demetrio Gómez, poderanse dedicar á creación de oficinas de portelo único, a melloras centradas na mobilidade ou á rehabilitación de edificios de vivendas, centradas na eficiencia enerxética.
Esta última opción, que é a que lle interesa a Pontevedra, supoñerá que os veciños de Monte Porreiro, seguindo un formato similar ao ARI do centro histórico ou de Estribela, reciban ata o 80% do diñeiro que invistan na reforma das súas vivendas.
As axudas poderán alcanzar os 19.200 euros por vivenda, aínda que no caso de que se demostren as necesidades económicas dos residentes, estas subvencións poderán alcanzar o 100% do custo da rehabilitación enerxética.
Estas axudas, sinalou o concelleiro nacionalista, son de "extraordinaria importancia", xa que permitirá rehabilitar un parque de vivendas "que ten uns anos e precisa ser renovado".
Para que Monte Porreiro poida optar a estas axudas, debe acreditar ter unha delimitación cartográfica "perfectamente definida" como barrio e elaborar unha memoria que recolla un programa de actuación e unha análise urbanística, sociolóxico, ambiental ou residencial do barrio.
O Concello espera ter tramitadas ambas as cuestións nun prazo de catro meses para chegar a 2022 "cos deberes feitos" e, cando a Xunta abra o período de axudas -que abarcará ata 2026- poder comezar a traballar "sen perder nin un minuto".
Ademais, esta liña de axudas dos fondos Next Generation tamén permitirá realizar obras no espazo público do barrio, executadas pola administración municipal, pero por agora desde o executivo local descoñecen os criterios que se marcarán para este ámbito.