Pontevedra pasa á fase 2 da desescalada a partir do luns

Pontevedra
22 de maio 2020

Salvador Illa confirmou este venres que as catro provincias galegas continúan  desescalando. Feijóo destaca que en Galicia a porcentaxe de positivos está por baixo de 3 por 100.000 habitantes, nalgunhas provincias mesmo por baixo de 1. O domingo pedirá a Pedro Sánchez máis mobilidade entre provincias 

Policía Local de Pontevedra durante a fase 1 da desescalada
Policía Local de Pontevedra durante a fase 1 da desescalada / Mónica Patxot

Pontevedra, do mesmo xeito que toda Galicia, pasa á fase 2 da desescalada do confinamento polo coronavirus. O ministro de Sanidade, Salvador Illa, confirmou este venres que as catro provincias galegas continúan desescalando e que este cambio de fase aplicarase a partir do próximo luns 25 de maio.

A fase 2 supoñerá menos restricións de mobilidade e de actividades económicas. Así, a partir do luns estará autorizado vodas, a apertura de piscinas para uso recreativo, permanecer nas praias máis aló de paseos, a volta á actividade de todo o comercio incluídos os situados en centros comerciais, a apertura de cinemas e teatros ou o interior dos establecementos de hostalería. Consulta aquí algunhas das normas máis destacadas.

A Xunta pedira o luns o cambio de fase en base a un informe de 107 páxinas no que se detallan as medidas de fortalecemento que incorporou nas últimas semanas o Servizo Galego de Saúde á hora de detectar e diagnosticar novos casos sospeitosos de infección por COVID-19, como a nova plataforma de seguimento de contactos de persoas infectadas ou o reforzo dos laboratorios de microbiolxgía cos que xa se poden realizar 6.500 probas PCR ao día, segundo informou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. 

Este venres, xusto antes de que se anunciase este cambio de fase, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xa valoraba que pola situación epidemiolóxica, por ocupacións de camas hospitalarias e UCI e por número de contaxios toda Galicia cumpría os requisitos e mostrábase "absolutamente convencido" deste paso a fase 2 e destacaba que Galicia está por baixo da metade de contaxios por 100.000 habitantes da media estatal.

"Estamos entre 8-9 contaxios diarios, durante a fase 0 tiñamos 16", valorou Feijóo, que engadiu que a porcentaxe de positivos está por baixo de 3 por 100.000 habitantes, nalgunhas provincias mesmo por baixo de 1.

De momento, pese ao cambio de fase, non se autoriza ás transferencias entre provincias. O informe trasladado pola Consellería de Sanidade para pedir ao Goberno central o cambio de fase poñía o foco nas limitacións de mobilidade existentes nas catro provincias galegas e subliñaba que 306 dos 313 concellos galegos non tiveran casos de transmisión comunitaria durante os tres días anteriores á elaboración dese documento.

Feijóo volveu insistir este venres nestas limitacións e sinalou que non entende o obxectivo das mesmas, pois "a provincia non é a demarcación correcta para unha crise sanitaria" e engadiu que o domingo exporá ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na conferencia de presidentes que haxa mobilidade entre as provincias galegas e tamén que "non hai ningún criterio sanitario que impida que Galicia non teña unha mobilidade entre cidades".