A facultade de Pontevedra é a quinta mellor opción en toda España á hora de cursar estudos en Belas Artes. ÿ o resultado do ránking que cada ano elabora o xornal El Mundo empregando baremos como o número de alumnos, os recursos humanos e materiais dispoñibles, o plan de estudos ou a participación do profesorado en proxectos de investigación.
Este é o cuarto ano consecutivo no que a facultade ocupa un dos cinco primeiros postos deste ránking, o que, para o decano do centro, Juan Carlos Meana, "ten o seu valor", principalmente porque as catro que se atopan por diante son universidades máis grandes, con maior orzamento e maior número de alumnos. Só están por diante da pontevedresa a Politécnica de Valencia, a Universidade de Barcelona, a Universidade do País Vasco e a Complutense de Madrid.
As facultades situadas á cabeza teñen arredor de 2.000 alumnos fronte aos 700 do centro do campus de Pontevedra. Para o decano, esta circunstancia permite que a relación entre o alumnado e o profesorado sexa moito máis próxima e "nótase na calidade de docencia".
En declaracións recollidas polo DUVI da Universidade de Vigo, Meana incide no valor que ten para os estudantes contar con docentes que "paralelamente desenvolven unha actividade artística profesional moi forte" e o "valor engadido" que dá á facultade que ademais do grao en Belas Artes se impartan os mestrados en Libro Ilustrado e Animación Dixital e en Arte Contemporánea. Creación e Investigación e os Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga).