Pontevedra negociará co Arcebispado polo edificio anexo a Santa Clara

Pontevedra
13 de xaneiro 2022

A incorporación de Santa Clara e os seus arredores ao patrimonio municipal parece que non concluíu. O Concello puxo os seus ollos sobre o edificio anexo, propiedade do Arcebispado de Santiago, para que forme parte de todo este ámbito urbano que se abrirá á cidade

Convento de Santa Clara
Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

A incorporación de Santa Clara e os seus arredores ao patrimonio municipal parece que non concluíu. O Concello puxo os seus ollos sobre o edificio anexo, propiedade do Arcebispado de Santiago, para que forme parte de todo este ámbito urbano que se abrirá á cidade.

O inmoble, que comparte muros e situación co antigo convento, acolle actualmente as dependencias das Obras Misionales Pontificias.

O goberno municipal remitiu unha carta ao arcebispo Julián Barrio instándolle a manter unha reunión para abordar o futuro destas dependencias, ao entender que se fai necesaria unha reforma integral de todos os espazos de Santa Clara.

"Coido que sería de interese mutuo unha reunión na que discernir o futuro deste complexo", apunta o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa misiva.

O futuro de Santa Clara, traslada Fernández Lores ao arcebispo, "pasa pola apertura e posta a disposición dos pontevedreses", permitindo un "cambio radical" desta mazá urbana.

Aínda que na carta non aclara o destino que o Concello quere darlle a ese edificio, todo apunta a que unha das posibilidades que baralla é que actúe como porta de acceso á ampla zona verde do convento e aos xardíns que ocupan uns 10.000 metros cadrados.