Pontevedra explicou o seu modelo de tratamento de residuos no Foro Urbano Mundial organizado pola ONU

Pontevedra
11 de novembro 2024

Trátase dun evento que se organiza cada dous anos centrado no modo de recuperación de espazos naturais, urbanos e rurais, como un exemplo de estratexia verde

Foro Urbano Mundial en El Cairo (Egipto)
Foro Urbano Mundial en El Cairo (Egipto) / Concello de Pontevedra

O concelleiro encargado da xestión de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda fixo balance este luns da súa participación no Foro Urbano Mundial (World Urban Forum) da ONU Hábitat celebrado a pasada fin de semana no Cairo.

Trátase dun evento que se organiza cada dous anos centrado no modo de recuperación de espazos naturais, urbanos e rurais, como un exemplo de estratexia verde.

O concelleiro indicou que Pontevedra forma parte da Partnership Green Cities da Axenda Urbana da Unión Europea, da que tamén participa o Goberno de Croacia que estivo na cidade do Lérez na reunión que o grupo de traballo tivo na cidade a principios de ano.

Daquela reunión xurdiu o convite para participar neste Foro, no que Croacia tiña unha mesa de traballo e estaba interesada en coñecer o modelo de cidade.

"O que fixemos foi explicar como era Pontevedra; poñer Pontevedra como un exemplo de sostenibilidade por varias razóns: reducións de emisións, mobilidade segura e saudable, e recuperación do espazo público" indicou Xaquín Moreda.

Tamén avanzou as accións medioambientais que se están a levar a cabo como os parques forestais, os paseos e sendas do Lérez e do Gafos e a Xunqueira da Gándara.

No Foro Urbano Mundial tamén abordou outro apartado "medioambientalmente moi potente" como é o modelo de tratamento de residuos".