Pontevedra 'mira ao mundo' e analiza os conflitos dos refuxiados, Chechenia, Kurdistán e America Latina

Pontevedra
18 de maio 2016

O Concello e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) puxeron en marcha o ciclo de conferencias 'Mirando ao mundo', que ten o obxectivo de "ofrecer un contrapunto, unha visión heterodoxa respecto da visión dominante" en relación con diversos conflitos de índole internacional

Carmen Fouces e Xulio Ríos presentan 'Mirando ao mundo'
Carmen Fouces e Xulio Ríos presentan 'Mirando ao mundo' / PontevedraViva

A actualidade política e xeopolítica internacional está cada vez máis presente nos medios de comunicación, pero non sempre abordada coa profundidade suficiente como para chegar a comprender o seu alcance ou coñecer todas as perspectivas. Para ofrecer unha visión máis completa deses conflitos, o Concello de Pontevedra e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) puxeron en marcha o ciclo de conferencias 'Mirando ao mundo', que este ano abordará a crise das persoas refuxiadas, a actualidade de Chechenia ou Kurdistán e o presente e futuro de América Latina. 

A selección dos catro conflitos foi complicada, pero a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, e o director do Igadi, Xulio Ríos, aseguran que o ciclo ten vocación de continuidade, de modo que haberá tempo en anos posteriores para analizar outros países e problemáticas e "ofrecer un contrapunto, unha visión heterodoxa respecto da visión dominante".

Todas as charlas celebraranse ás 19.00 horas na Casa da Luz ao longo dos próximos meses e correrá a cargo de conferenciantes "de primeiro nivel que coñecen de boa man todos os conflitos" e achegarán riqueza reflexiva e "outra visión con fundamentos".

O próximo 24 de maio inaugurará o ciclo a iraniana Nazanín Armanian, profesora de relacións internacionais da UNED en Barcelona, coa conferencia 'As persoas refuxiadas: xeopolítica dunha crise'.

'Chechenia e outros conflitos da periferia rusa' será a segunda actividade do ciclo o 23 de setembro da man de Marta Ter Ferrer, da Liga dos Dereitos dos Pobos. A eurodeputada, escritora e feminista turca Leyla Zana, a primeira muller que se atreveu a falar en kurdo no Parlamento turco, collerá a substitución o 14 de octubro coa charla 'Kurdistán: o país prohibido'. 

'Presente e futuro das esquerdas en América Latina' pechará o ciclo deste ano o 25 de novembro da man do director da edición española de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet.

Arquivado en