Rails Girls é un taller de programación gratuíto, que se pon en marcha desde este venres 21 na Casa da Luz e que continuará durante este sábado 22. Durante este encontro móstrase como calquera persoa sen apenas coñecementos de programación pode chegar a crear unha nova web, unha aplicación ou un servizo sen axuda.
Ao longo de dous días, 28 persoas participan nesta iniciativa, que conta co apoio de empresas tan potentes como Google, para iniciarse na linguaxe de programación Ruby, que permite escribir un texto e que o computador o entenda. Unha das encargadas da organización, Ana Cidre, na presentación deste evento no Concello de Pontevedra, explicaba que se escolleu a denominación Rail Girls Galicia como reclamo para unha maior participación de mulleres. E así é, o 60% das persoas participantes son mulleres, unha circunstancia pouco habitual en talleres tecnolóxicos, recoñece Cidre.
É a primeira vez que se realiza un evento destas características en Galicia. Os traballos que leven a cabo terán reflexo a través a web Rail Girls.
A semana tecnolóxica continuará, a partir do martes 25, coa celebración do cuarto congreso de Videoxogos e Educación, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais no campus pontevedrés. Durante tres días, profesores da Universidade de Vigo, de Estremadura e de Asturias ofrecerán a súa visión sobre o emprego dos videoxogos como recurso educativo. E ofreceranse relatorios con títulos como 'Peach ou Lara Croft ', sobre o xénero nestes elementos de lecer.
Ao mesmo tempo, na Casa da Luz, durante esas xornadas, todos os interesados terán a oportunidade de deseñar e programar un vídeo xogo, seguindo as premisas que marque a organización.