Pontevedra Máxica Fest, un novo festival na cidade para "vivir a maxia de preto"

Pontevedra
09 de setembro 2024

Seis magos e ilusionistas participarán na primeira edición do Pontevedra Máxica Fest, que nace co obxectivo de achegar a maxia aos cidadáns. Será con actuacións próximas co público, que se desenvolverán en diversos espazos urbanos entre os días 13 e 15 de setembro

Presentación da primeira edición do Pontevedra Máxica Fest
Presentación da primeira edición do Pontevedra Máxica Fest / Mónica Patxot

Seis magos e ilusionistas participarán na primeira edición do Pontevedra Máxica Fest, que nace co obxectivo de achegar a maxia aos cidadáns. Será con actuacións próximas co público, que se desenvolverán en diversos espazos urbanos entre os días 13 e 15 de setembro.

Coordinado polo mago pontevedrés Yago Barral, que será un dos participantes, o festival incluirá as actuacións de Apolo JR, Álex de las Heras, Sena, Martilda e Sara Rodríguez.

Todos eles presentarán diversos espectáculos nunha vintena de locais de lecer e hostalería de Pontevedra, nos que o público poderá gozar dunha maxia "moi de preto", segundo Barral, ofrecendo propostas para todas as idades.

Entre os locais que participarán nesta primeira edición están La Quadra, El Patio Kinder Bar, La Piada, Estrella, Botica, Gumer, El Cafetín, Umami Poke Restobar, Taberna Zentola, La Gramola, Pasaje, Mar de Fóra, Kamelia, Sidrería Montañés, Hangar 218, Merry's, Misto e Rumore. 

Haberá ademais unha gran gala no Teatro Principal (sábado 14, 19:30 horas), unha visita á residencia de maiores de Campolongo (venres 13, 12:00 horas) e un evento destinado ao público infantil no mercado de abastos (sábado 14 e domingo 15, 12:00 horas).

"Nunca programanos maxia a este nivel e é de agradecer facelo da man dun mago local", destacou a edil de Promoción económica, Anabel Gulías, que agradeceu a Yago Barral a súa "especial sensibilidade" para crear un evento "100% para Pontevedra".

Mostrou ademais a súa confianza de que este festival "se vai a asentar na cidade".