Pontevedra manterá as súas obras para "non paralizar" a economía municipal

Pontevedra
17 de marzo 2020

Iso si, os traballadores deberán cumprir as condicións de seguridade e hixiene, polo que os servizos técnicos municipais estanse poñendo en contacto cos coordinadores de seguridade e hixiene das empresas co obxecto de que garantan o cumprimento destas medidas

Operarios traballando nunha obra durante o estado de alarma en Pontevedra
Operarios traballando nunha obra durante o estado de alarma en Pontevedra / Diego Torrado

Unha actividade "imprescindible" para contribuír a "non paralizar" a economía municipal. É o que aposta por manter o Concello de Pontevedra durante a crise do coronavirus. 

Así, en canto ás obras urbanas, polo momento mantéñense todas en activo, agás as de investimento de Viaqua por decisión da propia empresa.

Iso si, os traballadores deberán cumprir as condicións de seguridade e hixiene, polo que os servizos técnicos municipais estanse poñendo en contacto cos coordinadores de seguridade e hixiene das empresas co obxecto de que garantan o cumprimento destas medidas.

A nivel interno, o Concello fixou os servizos considerados "críticos ou esenciais" para o seu total funcionamento a través de flexibilización horaria, quendas e teletraballo; mentres que os servizos considerados non esenciais funcionarán cun cuarto do persoal traballando.

En todo caso, no funcionamento dos servizos estase priorizando a seguridade e as condicións de saúde dos traballadores, para o que se facultou aos xefes e xefas de servizo coas competencias necesarias para tomar as decisións oportunas á hora de salvagardar todos os criterios de seguridade obrigatorios.

Baixo esta coordinación, considéranse servizos esenciais a Policía Local, os Bombeiros, Benestar Social, a oficina técnica de arquitectura, a oficina técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas, Enxeñería e Servizos, os órganos de xestión orzamentaria, tesourería e xestión tributaria, Secretaría, Informática, a asesoría xurídica, cemiterios e mercados.

A atención telefónica do Concello foi reforzada para dar atención á cidadanía e transferir as consultas e trámites aos servizos municipais esenciais ou críticos.

Todas as chamadas ao Concello son respondidas, de entrada, cunha comunicación gravada na que se lembra que de acordo co Real Decreto 463/2020 quedan suspendidos e se interrompen os prazos de tramitación co sector público.

Tras esta mensaxe, se a persoa que chama o desexa pode falar coa centraliña do Concello que atenderá a súa consulta ou a remitirá ao servizo correspondente.

Entre a actividade municipal suspendida están as comisións e os plenos, mentres que se mantén a celebración semanal da Xunta de Goberno. Sobre as mesas de contratación, quedan suspendidas aquelas que implican o acceso e presenza de público externo ao propio Concello e mantéñense con normalidade aquelas que están en fase de proposta de adxudicación. 

Ademais, neste momento estanse a revisar todos os contratos un por un para determinar a situación na que se atopan, de cara a tomar decisións sobre a súa continuidade, modificación ou suspensión.