Pontevedra maniféstase "contra a depredación enerxética"

Pontevedra
28 de abril 2024

A plataforma Contra Vento e Maré, formada por colectivos sociais de Pontevedra e comarca, convocou a xornada de protesta este domingo na Boa Vila para denunciar o desenvolvemento de proxectos eólicos, mineiros ou de celusosas que consideran "masivos, sobredimensionados e ineficaces"

Manifestación 'O Pobo Galego Unido Contra a Depredación Enerxética' en Pontevedra
Manifestación 'O Pobo Galego Unido Contra a Depredación Enerxética' en Pontevedra / Cristina Saiz

As rúas de Pontevedra acolleron este domingo a manifestación 'O Pobo Galego Unido Contra a Depredación Enerxética - As Cidades e o Rural Xuntas Contra o Capital'.

A marcha estaba convocada pola plafatorma Contra Vento e Maré, formada por colectivos sociais de Pontevedra e comarca, co obxectivo de denunciar o desenvolvemento de proxectos eólicos, mineiros ou de celulosas "que son masivos, sobredimensinados e ineficaces", afirman.

A Boa Vila colle a testemuña con esta protesta das mobilizacións celebradas nos últimos meses na Coruña, Vigo, Lugo e Ferrol.

"Estamos falando da nosa vida, a vida das nosas veciñas que viven do mar e da terra, e a vida de tódolos seres vivos cos que compartimos o territorio e os ecosistemas mariños e terrestres", sinala Contra Vento e Maré.

Os manifestantes concentráronse na Praza da Peregrina para percorrer desde as 12.30 horas deste domingo as rúas do centro da capital provincial.

Aseguran que Pontevedra conta cun "inxente" número de proxectos industriais eólicos na súa comarca, como nos montes da Fracha, Xeve ou Verducido, ademais de en Campo Lameiro, Moraña ou Tabeirós, ao que se suma a polémica pola prórroga da concesión a Ence en terreos de dominio público marítimo terrestre.

Con esta xornada a plataforma pretendía visibilizar a oposición social desde o rural e as cidades ao que entenden como un espolio de recursos naturais e destrución mediomabiental que reduce ao mínimo a suerficie agraria da que dispón Galicia construíndo fábricas ou aeroxeradores no medio rural que dinamitan o patrimonio arqueolóxico, destrúen mananciais de auga e afectan gravemente a contorna, poñendo aquí como un dos principais exemplos a macrocelulosa impulsada por Altri en Palas de Rei co apoio da Xunta de Galicia.

Arquivado en