O Concello de Pontevedra está a liderar a candidatura do proxecto Green Gap, que consiste no impulso de infraestruturas verdes locais para a restauración da biodiversidade, a renaturalización e o deseño de paisaxe resiliente ante o cambio climático das zonas urbanas e rurais de Galicia e o Norte de Portugal.
Por ese motivo o concelleiro Iván Puentes mantivo recentemente un encontro telemático con representantes das 11 entidades implicadas nesta iniciativa, entre as que se inclúen, ademais do Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense; os municipios lusos de Guimarães e Paredes de Coura; o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia; o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas (Icnf) e a Agência Portuguesa do Ambiente (Apa); as universidades da Coruña e do Minho; o Laboratório da Paisagem, e a Fundación Ceer (Centro de Estudos Eurorrexionais).
Deste xeito, Pontevedra aspira a obter financiamento do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España-Portugal (Poctep), dentro do Interreg. O proxecto conta cun orzamento de máis de 3,3 millóns de euros, "ten o obxectivo xeral de protexer, conservar e potenciar a natureza, especialmente nos espazos naturais protexidos, e os elementos que conforman a infraestrutura verde na área transfronteiriza, así como deter a perda de biodiversidade e poñer en valor os ecosistemas naturais", sinalou Puentes.
O concelleiro indicou que nesta iniciativa tamén se integra "unha perspectiva de mitigación e adaptación ao cambio climático e aos seus efectos, fomentando a prevención e xestión de riscos e deseñando unha paisaxe resiliente mediante a rexeneración medioambiental, a mellora ecolóxica dos espazos verdes e a inclusión de solucións baseadas na natureza".
Entre as cuestións que plantexa o Green Gap están a elaboración de dous proxectos piloto de infraestrutura verde en contornos urbanos, un deles en Pontevedra, a restauración ambiental da desembocadura do río dos Gafos, e o segundo en Guimarães, consistente na recuperación da ribeira de Agrela. Tamén desenvolverán outros plans piloto para a restauración ecolóxica da área natural de Taboão (río Coura), en Paredes de Coura; a conservación ambiental e mellora da mobilidade no contorno do embalse das Conchas (Ourense); e o incremento dos valores paisaxísticos e da resiliencia ante o cambio climático da Paisaxe Transfronteiriza do Estuario do Miño-Santa Trega.
As propostas esenciais desta iniciativa son o desenvolvemento de estratexias de infraestrutura verde e resiliencia ao cambio climático a nivel local; infraestruturas verdes piloto para a mellor da biodiversidade, a recuperación de espazos naturais e o deseño de paisaxes resilientes; estratexias innovadoras coa sociedade civil para a xestión sostenible do territorio e o incremento da súa resiliencia ao cambio climático, e a rede transfronteiriza de coñecemento e formación en infraestrutura verde.
Con estas accións, segundo apuntou o portavoz do PSOE, "a acción tamén logrará tres proxectos piloto para a implementación de ferramentas innovadoras na xestión forestal: un consistente na creación de bandas de vexetación autóctona en masas forestais continuas de especies pirófitas en montes veciñais de Pontevedra; outro de xestión sostible en franxas primarias de defensa forestal no Espazo da Rede Natura 'Corno do Bico' a través de pastoreo preventivo, e outro de desenvolvemento dunha Rota da Biodiversidade mediante reforestación. Tamén desenvolverase unha plataforma transfronteiriza de Custodia do Territorio, implementando un total de 9 acordos de custodia do terreo na área transfronteiriza, tres deles en Pontevedra, tres en Paredes de Coura e tres en Guimarães".
Por outra banda, a iniciativa plantexa a implementación e consolidación da Green Gap Academy (Escola Galaico Portuguesa de Infraestrutura Verde e Paisaxe Resiliente), incluíndo 6 cursos formativos, 10 talleres, 9 charlas e coloquios especializados e dous congresos transfronteirizos de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático; a creación dun Hun Transfronteirizo de coñecemento e experiencias prácticas en materia de Infraestrutura Verde, e o desenvolvemento dunha Toolbox de Solucións baseadas na Natureza, aplicables ás problemáticas ambientais e o incremento da resiliencia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.