Este mércores, 30 de outubro, a Praza de España en Pontevedra foi o escenario dun emotivo minuto de silencio convocado en toda España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en recordo das persoas falecidas e afectadas polo temporal que, de forma devastadora, afectou ás provincias de Albacete e da Comunidade Valenciana.
O acto, que contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do presidente da Deputación, Luis López, reuniu a unha representación de todos os grupos políticos e traballadores dos diferentes organismos públicos.
O alcalde Fernández Lores manifestaba que "este minuto de silencio é unha expresión de solidariedade con todos aqueles que están a sufrir as consecuencias desta traxedia".
"Sabemos que a DANA sobrepasou as previsións, e en algúns lugares choveron ata 400 litros por metro cadrado en cuestión de horas", continuaba. Lores sinalaba a importancia de reflexionar sobre a urbanización en zonas non adecuadas e o respecto á natureza, destacando que "temos que loitar contra o cambio climático, que definitivamente está a agravar este tipo de fenómenos".
Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, amosou a súa solidariedade coas persoas afectadas e o compromiso do Goberno galego para axudar nas tarefas de rescate. "A situación en Valencia e Albacete é crítica", sinalou.
Neste sentido, anunciou o envío dun helicóptero de rescate a Valencia en resposta á grave situación causada por inundacións na zona.
Rueda destacou que a solicitude para este recurso foi realizada a través do Ministerio que coordina as emerxencias, subliñando a solidariedade e a preocupación das autoridades galegas.
O helicóptero, completamente equipado, xa saíu desde Vigo e dispón de catro tripulantes capaces de rescatar ata 10 persoas. O obxectivo é que o helicóptero comece a traballar de inmediato ao chegar ao seu destino.