Pontevedra instalará seis medidores de calidade do aire para "tomar decisións" que reduzan a contaminación

Pontevedra
10 de xullo 2024

Seis sistemas para a medición da calidade do aire, dous deles no Burgo e Monte Porreiro, permitirán que o Concello teña un "control exhaustivo" dos niveis de contaminación e de emisión de gases á atmosfera que se rexistran na cidade de Pontevedra

Pantalla con información meteorolóxica en Campolongo
Pantalla con información meteorolóxica en Campolongo / Concello de Pontevedra

Seis sistemas para a medición da calidade do aire, dous deles no Burgo e Monte Porreiro, permitirán que o Concello teña un "control exhaustivo" dos niveis de contaminación e de emisión de gases á atmosfera que se rexistran na cidade de Pontevedra.

Esta iniciativa, vinculada á zona de baixas emisións decretada para todo o centro urbano, busca que o goberno municipal teña "datos fidedignos" que permitan "tomar decisións" para mellorar a calidade de vida dos cidadáns, segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

A instalación destes medidores é unha das accións incluidas no proxecto de xestión intelixente e sostible e segura da mobilidade en Pontevedra, adxudicado por case 991.000 euros e que está cofinanciado a través de fondos europeos Next Generation.

"Hai xa tempo que contamos coa zona e baixas emisións pero queremos seguir traballando e mellorando nese sentido", apuntou Fernández Lores, que considera que "hai marxe de mellora" na Boa Vila, por exemplo, en ámbitos como Eduardo Pondal onde aprecian un "tráfico excesivo".

Ao longo dos vindeiros meses serán instalados os distintos medidores por Pontevedra, sistemas que controlarán e medirán a calidade do aire en tempo real, os 365 días do ano.

En total, serán instalados seis medidores, aos que se suma o xa existente en Campolongo, tecendo toda unha rede de control do aire ao longo de Pontevedra, que pemitirán que a cidade conte con medicións "ultra precisas" sobre a súa situación.

Os técnicos están agora nunha fase inicial onde van probando cales serían as posición idóneas. Por agora son elementos móbiles, que esta semana están situados ao longo de Beiramar. 

"Poranse onde os parámetros sexan peores, para poder así seguir controlando esa zona e procurar medidas que melloren a calidade de vida das persoas que alí se atopan ou que por alí pasan", sostivo o rexedor pontevedrés.

A través destes medidores rexistraranse parámetros como a porcentaxe de monóxido de carbono, de dióxido de cárbono, de óxido de nitróxeno, de ozono troposférico, de dióxido de xofre, de dióxido de nitróxeno ou de compostos orgánicos.

Ademais, os medidores contarán cun sensor óptico para coñecer as micro particulas PM1, PM2.5 e PM10, xunto co ruído ambiental, a temperatura, a humidade relativa do aire e a presión atmosférica que se dean en Pontevedra a cada momento.

Serán aparatos "da máis alta tecnoloxía posible", engadiu o alcalde, que recordou que a estes medidores se sumará, dentro do mesmo proxecto, o aumento das cámaras de tráfico ou aforadores para contar o número de vehículos que pasan por determinadas zonas da cidade.