A proliferación de parques eólicos na contorna de Pontevedra preocupa ao goberno municipal. Por iso é polo que, o Concello posicionouse radicalmente en contra da instalación "masiva" destes polígonos nos montes da comarca.
Así o certifican nunha carta que enviaron á Xunta de Galicia para apuntar que Pontevedra "estará sempre a carón da veciñanza" e apoiará todas as reivindicacións e iniciativas encamiñadas a frear proxectos que supoñen a "depredación" de recursos e territorios.
A este respecto, o propio Concello advirte que tomará todas as medidas "que permita o ordenamento xurídico ao noso alcance" para impedir a tramitación destes parques eólicos.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, foi a que expresou o malestar do executivo pontevedrés pola construción duns parques que non supoñen un "beneficio claro" para os cidadáns, ao xerar un "gran impacto ambiental".
Con respecto ao que xa se está construíndo no Monte Acibal, en Moraña, o Concello solicitou un informe a Augas de Galicia para que certifique a afectación que terá este polígono sobre o abastecemento de auga da cidade de Pontevedra.
Ademais, presentou alegacións contra aquelas iniciativas que si teñen previstas obras no termo municipal de Pontevedra, os de Zudreiro e Anduriña.
Todos estes proxectos, segundo Gulías, supoñen empregar políticas públicas para beneficiar ás grandes multinacionais enerxéticas, o que o Concello considera "inxusto e inxustificable".