Pontevedra incorpora oito novos centros comunitarios ao sistema de compostaxe

Pontevedra
12 de xullo 2024

Os oito que se incorporaron nos últimos días están situados en Josefina Arruti, na Rúa Grecia (Monte Porreiro), en Antonio Taboada Nieto, no parque Amalia Álvarez, no Camiño Vello de Castela, en Pasarón, na Rúa das Devesas e na Rúa Estrada

Xaquín Moreda cun dos cubos individuais para a compostaxe
Xaquín Moreda cun dos cubos individuais para a compostaxe / Concello de Pontevedra

Pontevedra supera a trintena de centros comunitarios de compostaxe. Fíxoo coa instalación de oito máis en diversas zonas da cidade que, sumados aos 24 que xa estaban a funcionar, elevan a 32 a rede deste sistema de tratamento dos residuos orgánicos.

Os oito que se incorporaron nos últimos días están situados en Josefina Arruti, na Rúa Grecia (Monte Porreiro), en Antonio Taboada Nieto, no parque Amalia Álvarez, no Camiño Vello de Castela, en Pasarón, na Rúa das Devesas e na Rúa Estrada.

O último deles aínda non está operativo, xa que haberá que cambiar a súa base.

A instalación destes novos centros de compostaxe irá acompañada dunha campaña informativa, a partir do próximo 15 de xullo, cunha carpa que visitará todos os novos enclaves para repartir información e "caldeiriños marróns" aos que queiran participar nesta iniciativa.

O edil responsable da área de residuos, Xaquín Moreda, destacou que coa incorporación destes centros Pontevedra reforza un sistema de tratamento de biorresiduos nos que xa foi pioneira no seu día, tratando de cumprir as directivas europeoas e a normativa estatal de residuos.

"Isto non sería posible sen a participación dos veciños e veciñas", subliñou Moreda, que insistiu en que "se non houbese sensibilidade na poboación non sería posible implantar este sistema", que entende que é "moito máis sostible que levar camións a queimar a Sogama".

Ademais, o concelleiro defendeu que a compostaxe reduce as emisións de CO2, mellora a biodiversidade e posibilita que se reduza o prezo da taxa de lixo.