O goberno municipal de Pontevedra activou este venres un dos grandes contratos que lle faltaban para completar o cambio a LED de todo a iluminación pública. Será o que renove toda a iluminación da parroquia de Lérez e o barrio do Burgo.
"Iniciamos o camiño deste proxecto", explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que informou da saída a licitación desta actuación, que conta cun orzamento inicial de 1.396.000 euros.
É un dos proxectos que, impulsado polo Concello, financiará a Deputación de Pontevedra con cargo aos convenios que ambas as administracións acordaron para este ano.
A renovación da iluminación en Lérez suporá o cambio de 1.397 luminarias e a instalación de 29 novos cadros de luz. A empresa adxudicataria terá nove meses para executala.
Esta obra, que incluirá a substitución de postes ou farois danados ou a mellora da iluminación en zonas sensibles como pasos de peóns, permitirá un aforro no consumo do 62%, segundo os cálculos realizados polos técnicos municipais.
O ámbito de actuación abarca as zonas que van desde O Castelo até O Burgo, Fontaíña e Couso, Médico Ballina e Juan Bautista Andrade até Juan Manuel Pintos e Domingo Fontán, a praza de Pasarón, Rafael Areses, Alexandre Bóveda, o campus ou a Xunqueira de Alba.
Ademais do aforro enerxético, Fernández Lores tamén destacou que este cambio de tecnoloxía a LED evitará a emisión de case 255 toneladas de CO2 ao ano.
MÁIS DE DEZ MILLÓNS EN DEZ ANOS
O alcalde detallou que, nos últimos dez anos, o Concello investiu máis de 10,5 millóns de euros para renovar toda a iluminación pública do municipio. Neste tempo cambiáronse a LED máis de 13.000 puntos de luz.
A eles habería que sumar os que se substituíron nas diversas obras de urbanización ou reurbanización realizadas ao longo de todos estes anos, polo que segundo Lores supéranse "amplamente" as 15.000 luminarias que foron renovadas.
Este esforzo supuxo que, actualmente, conte con iluminación LED máis de 75% de todo o territorio. Só quedaría por cambiar parte das parroquias de Tomeza e Salcedo, a zona norte do centro da cidade e o centro histórico, é dicir unhas 5.000 luminarias.
O rexedor pontevedrés subliñou a importancia deste tipo de medidas para mellorar a eficiencia enerxética, reducir a contaminación lumínica e a emisión de CO2, aumentar a seguridade cidadá, eliminar a luz intrusa nas vivendas ou axustar a iluminación aos ritmos circadianos da cidadanía.