Pontevedra homenaxeará os pontevedreses que loitaron contra o nazismo

Pontevedra
02 de abril 2019

Con motivo de honrar a memoria histórica dos pontevedreses que foron vítimas do nazismo, este sábado 6 de abril realizarase unha homenaxe, nas Ruínas de San Domingos ás 12:30 horas, aos seis pontevedreses que sufriron os horrores dos campos de concentración nazis

Presentación da homenaxe das vítimas pontevedresas do nazismo
Presentación da homenaxe das vítimas pontevedresas do nazismo / PontevedraViva

Con motivo de honrar a memoria histórica dos pontevedreses que foron vítimas do nazismo, este sábado 6 de abril realizarase unha homenaxe, nas Ruínas de San Domingos ás 12:30 horas, aos seis pontevedreses que sufriron os horrores dos campos de concentración nazis.

Luís Bará, responsable de Patrimonio e Memoria Histórica no Concello de Pontevedra, explicou durante a mañá deste martes, que o motivo desta homenaxe ten como fundamento a aparición da noticia de Manuel Pérez Taboada, un dos pontevedreses que estivo nun dos campos de concentración nazi.

A Asociación Son de Xeve, de Santa María de Xeve, púxose en contacto co Concello despois de ter noticias de queo International Trading Service (ITS), organismo internacional que se encarga revisar os bens atopados nos campos de concentración, contactaron con eles porque atoparon dous aneis pertencentes a Pérez Taboada do que aos poucos se foi descubrindo a súa historia.

Este labor de investigación foi fundamental grazas a Xosé Álvarez Castro, historiador pontevedrés, que indagou nos arquivos do ITS e descubriu que a maioría, ao acabar a Guerra Civil Española, fóronse ao sur de Francia e alistáronse no exército para loitar contra os nazis. Unha vez alí, foron detidos e trasladados a campos de concentración onde catro deles morreron. Esta información está complementada coa memoria oral recompilada por Montse Fajardo.

A partir do caso de Pérez Taboada, investigouse aos outros cinco. Trátase de Manuel Coto Martínez (Marcón, falecido en 1943), Urbano Sanmartín Abilleira (Mourente, falecido en 1941), Claudio Tizón Vázquez (Pontevedra, falecido en 1942) e Antonio Gómez Torres (non se atopan rexistros da súa orixe pontevedresa, falecido en 1945). Pola súa banda, Macario Cortegoso e Manuel Pérez Taboada sobreviviron aos campos de concentración e foron liberados unha vez finalizou a II Guerra Mundial.

O achado máis importante, segundo Bará, foi o de Manuel Coto Martínez, que pertenceu ao exército franquista, cambiou de bando ao exército republicano e foise a Francia exiliado, onde estivo a loitar contra o nazismo pero foi detido e trasladado a un campo de concentración. A última noticia que se ten del é unha carta que lle escribiu á súa noiva Matilde en decembro de 1936, desde Zaragoza. Ela estaba embarazada e localizaron á súa filla, que vive en Arxentina e nunca coñeceu a historia real do seu pai ata agora.

No acto intervirán Xosé Álvarez Castro, Montse Fajardo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e familiares dos homenaxeados.