Pontevedra homenaxea no Principal á escola represaliada polo franquismo

Pontevedra
29 de novembro 2018

O programa A memoria das mulleres organizou unha nova homenaxe ás vítimas da represión franquista, nesta ocasión centrada no impulso pedagóxico da República, no labor modernizador das escolas e do maxisterio na cidade

Homenaxe á escola represaliada polo franquismo
Homenaxe á escola represaliada polo franquismo / Mónica Patxot

O Teatro Principal foi escenario este mércores dunha nova homenaxe ás vítimas da represión franquista, dentro do programa A memoria das mulleres impulsado polo Concello de Pontevedra.

Nesta ocasión o acto centrouse no impulso pedagóxico da República, no labor modernizador das escolas e do maxisterio na cidade, e na cruenta represión que o levantamento fascista de xullo de 1936 levou a cabo contra este colectivo.

Púxose de relevo o papel de institucións como a Escola Normal, dirixida por Ernestina Otero, na que se formaron novas xeracións de mestres e mestras, ou iniciativas privadas como a Escola Nova de Hernán Poza, que instruíu as varias xeracións con métodos pedagóxicos avanzados para a época.

Ademais realizouse un percorrido polos principais avances que se produciron en Galicia e Pontevedra en materia educativa desde comezos do século  XX.

Na homenaxe, no que actuou a aula de teatro do CIM, lembráronse figuras de mestres asasinados como Germán Adrio Mañá, José Meis, Eduardo Muíños Búa, Benigno Rey Pavón, Alfonso Rodríguez Méndez ou Gonzalo Martín March. Mestras asasinadas como Mercedes Romero Abella e María Vázquez Suárez. Mestras rapadas, encarceradas e depuradas como Fina e Tucha Dios. Presas e expedientadas como Peregrina Martínez Santos. Expedientadas e desterradas como  Ernestina Otero. E mestres exiliados como Bibiano Fernández Tafall ou Daniel Castelao, que eran profesores do Instituto de Pontevedra.