Pontevedra homenaxea a Virxinia Pereira

Pontevedra
21 de decembro 2019

Este venres tivo lugar a presentación dunha publicación e das actividades que con motivo do 50 cabodano do pasamento de Virxinia Pereira está a promover o Concello de Pontevedra, dentro do seu programa "A memoria das mulleres", co fin de rescatar a vida e pensamento de quen foi vítima do espolio e o exilio polo seu compromiso galeguista e demócrata, acompañando a Castelao e despois á colectividade galeguista de alén mar

Homenaxe a Virxinia Pereira
Homenaxe a Virxinia Pereira / Cristina Saiz

Este venres tivo lugar a presentación dunha publicación e das actividades que con motivo do 50 cabodano do pasamento de Virxinia Pereira está a promover o Concello de Pontevedra, dentro do seu programa "A memoria das mulleres", co fin de rescatar a vida e pensamento de quen foi vítima do espolio e o exilio polo seu compromiso galeguista e demócrata, acompañando a Castelao e despois á colectividade galeguista de alén mar.

No acto, celebrado na Casa da Luz distribuiuse unha breve biografía, e representouse unha peza teatral inspirada na entrevista que concedeu Virxinia Pereira ao xornal El Progreso de Lugo no 1968. Na dramatización participaron Clara Iglesias representando a Virixinia Pereira, e Tino Regueira fixo o papel do xornalista entrevistador nunha intervención escénica que foi dirixida polo dramaturgo Lucho Penabade. 

A homenaxe puxo de manifesto o vencellada que Virxinia Pereira estivo con Pontevedra, xa que a pesares de ter nacido na Estrada, viviu na cidade do Lérez xunto co seu home desde o ano 1916 ata o seu exilio en Bos Aires en 1940. Mais a súa figura, sempre da par da de Castelao, tivo protagonismo de seu.

A Asociación Cultural Vagalumes continuará con estes actos no concello natal de Virxinia, A Estrada, cunha ofrenda diante da súa tumba o luns 23 e posteriormente nese mesmo día unha conferencia e a intervención escénica referida para dar a coñecer a personalidade desta muller na sala de exposicións do MOME.