Pontevedra habilita unha web con información local sobre o coronavirus

Pontevedra
14 de marzo 2020

A páxina web www.pontevedra.gal/covid-19a> recolle as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias sobre a pandemia: os síntomas, o protocolo de actuación, os teléfonos de contacto ou indicacións sobre que facer nos casos máis graves

Web municipal sobre o coronavirus
Web municipal sobre o coronavirus / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra habilitou unha páxina web na que se recolle información de utilidade para os veciños e veciñas de Pontevedra sobre a pandemia do coronavirus.

A páxina web www.pontevedra.gal/covid-19 recolle as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias sobre a pandemia: os síntomas, o protocolo de actuación, os teléfonos de contacto ou indicacións sobre que facer nos casos máis graves.

Ademais, tamén mostra o bando municipal ditado polo alcalde no que se ordena o peche de todas as instalacións municipais, así como o cese de todas as actividades organizadas polo Concello. Tamén se acorda impulsar as xestións dos cidadáns a través do teléfono ou da sede electrónica municipal.

Para este propósito a web disporá dunha guía telefónica dos departamentos municipais con atención ao público para que poidan dirixirse aos servizos que o precisen.

Destinados á poboación tamén son os enlaces coas páxinas co Ministerio de Sanidade onde se recollen consellos, recomendacións e contestación a dúbidas sobre a pandemia e como proceder; así como a habilitada polo Sergas, con contidos similares.

A páxina web tamén ten unha parte específica relativa ao persoal municipal coas instrucións e recomendacións nos centros de traballo. Está incorporada a circular interna aprobada e remitida a todos os traballadores, así como o protocolo aprobado sobre as medidas de prevención que han de estar operativas en cada un dos departamentos.

Esta web irase completando e ampliando con información co paso das horas, debido ao cambiante da situación.

Ao mesmo tempo, o Concello reforzará a presenza da alerta sanitaria nas súas redes sociais, onde se irá achegando información para manter informados aos cidadáns na medida das posibilidades que ofrecen estas canles de comunicación.